O PP de Monforte advirte que “os veciños e veciñas están fartos” e lamenta que “a pésima xestión” do Goberno de Sánchez toda vez que “sempre hay este tipo de atrasos nas execucións das obras de titularidade estatal” como ocorre tamén na estación do tren.
O PP denuncia que o Goberno de Pedro Sánchez “oculta os atrasos” das obras de supresión dos pasos a nivel do barrio do Morín, en Monforte de Lemos, toda vez que “os representantes de ADIF recoñecen sobre o terreo que os traballos están parados, que hai incidencias que obrigan a adecuar o proxecto e que iso suporá un incremento dos custes, mentres o Executivo asegura por escrito que as obras marchan a bo ritmo”.
Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- que se dirixiron formalmente ao Goberno de España dende o Senado a petición do PP de Monforte de Lemos ante a paralización das obras para coñecer o seu estado de execución, consideran que, “cando menos, chama a atención a resposta do Goberno”.
Os populares advirten, así, de “evidentes contradicións” entre a resposta oficial por escrito remitida polo Goberno de España e as explicacións trasladadas polos responsables de ADIF durante a visita realizada á zona. “Non se pode dicir unha cousa nos documentos oficiais e admitir a contraria diante dos veciños e das administracións afectadas. Alguén está faltando á verdade sobre o estado real destas obras”, censuran.
O PP considera especialmente grave que o Goberno trate de “maquillar a situación” cando ADIF xa recoñece a necesidade de introducir modificacións no proxecto por incidencias sobrevidas, o que provocará novos atrasos e tamén un aumento dos custes previstos inicialmente. “Estamos ante o modelo habitual do Executivo de Sánchez en Lugo: moitos anuncios, moita propaganda e obras que se eternizan entre modificacións, revisións e incumprimentos”, denuncian.
Os populares sosteñen que o caso de Morín “non é un episodio illado”, senón “un novo exemplo do abandono que sofre a provincia por parte do Goberno central”.
“Lugo non pode seguir sendo a provincia das infraestruturas eternamente prometidas. O Goberno licita titulares e propaganda, pero non executa as obras nos prazos comprometidos”, remarcan. Os senadores populares lembran que detrás destes atrasos “hai consecuencias reais para os veciños”, tanto desde o punto de vista da seguridade viaria como da mobilidade e do desenvolvemento económico.
O PP esixe ao Goberno de España “menos propaganda e máis execución”, así como transparencia sobre o estado real das obras, un calendario actualizado e garantías de que a actuación non continuará acumulando atrasos e sobrecustes.
OS VECIÑOS ESTÁN FARTOS
O PP de Monforte advirte que “os veciños e veciñas están fartos” e lamenta que “a pésima xestión” do Goberno de Sánchez toda vez que “sempre hay este tipo de atrasos nas execucións das obras de titularidade estatal” como ocorre tamén na estación do tren. “Dubidamos que, finalmente, vexamos esta obra rematada mentres siga o socialismo gobernando en Monforte e en España”, conclúe a portavoz, Katy Varela.