Grupo Municipal do Partido Popular levará ao próximo pleno unha proposición para impulsar a mellora e posta en valor dos xardíns e o parque Marcos Cela, un espazo que, segundo destacan, “ten un gran potencial pero precisa dun mantemento axeitado”.
Os populares explican que se trata dunha zona de gran valor para a cidade, na que se conserva unha das poucas carballeiras do casco urbano, o que a converte nun lugar singular para o lecer e o encontro da veciñanza. “Dá pena velo neste estado, tendo en conta as súas posibilidades que ten este parque”.



Tras comprobar a situación actual, desde o PP propoñemos unha serie de actuacións concretas para mellorar o seu estado:
– Limpeza de pintadas (pasarela, fonte do Pilar, miradoiros, mobiliario …)
– Reparación de varandas e colocación de elementos de seguridade nos CINCO tramos que faltan
– Revisión da pasarela sobre a Volta da Viña
– Posta a punto dos miradoiros e actuacións nas zonas con desprendementos
– Renovación das escaleiras dos paseos interiores
– Baranda de seguridade na rúa Acea de Olga, que linda co parque
– Renovar o pavimento do parque infantil que ten ocos perigosos para a cativada
A voceira popular, Elena Candia, insiste en que “o coidado dos espazos públicos tamén define o modelo de cidade” e lembra que “non abonda con anunciar novos proxectos se non se manteñen en condicións os que xa existe”. “Non parece coherente anunciar novos espazos cando hai parques como o Marcos Cela que precisan actuacións básicas de mellora”.
Desde o PP defenden que Lugo debe avanzar cun modelo baseado na planificación, no coidado e no aproveitamento dos recursos existentes, garantindo que todos os barrios conten con espazos públicos seguros, accesibles e ben mantidos.