A corporación municipal participa na celebración de Santa Rita e rende homenaxe ao persoal municipal xubilado

O Concello de Lugo celebrou hoxe a tradicional comida de Santa Rita nunha xornada de convivencia e recoñecemento ao persoal municipal, na que participaron traballadores e traballadoras dos distintos servizos municipais.

O encontro serviu tamén para render homenaxe ás persoas empregadas públicas que rematan nesta etapa a súa traxectoria profesional tras anos de dedicación, esforzo e servizo á cidadanía lucense.

Como mostra de agradecemento, fíxoselles entrega dunha muralla de cerámica elaborada nos talleres de ASPNAIS polos seus usuarios e usuarias, unha peza simbólica que pon en valor o talento, a inclusión e o compromiso social desta entidade.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou durante o acto o papel “fundamental” dos 548 traballadores e traballadoras municipais para garantir o funcionamento diario dos servizos públicos e a atención á veciñanza.

Candia agradeceu a implicación e o compromiso do persoal municipal e puxo en valor o traballo que desenvolven cada día desde os distintos departamentos e servizos do Concello “para facer de Lugo unha cidade mellor”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios