Na mañá do sábado 6 de xuño, con diferentes disciplinas e actividades participativas para todos os públicos.
A Laracha celebrará o sábado 6 de xuño a XVI edición do Día do Deporte, unha das citas máis agardadas e participativas do calendario municipal anual que volverá converter diferentes espazos da vila nun gran punto de encontro arredor da actividade física, o lecer saudable e a convivencia.
A xornada desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 horas e terá como epicentro a praza Les Sables d´Olonne, estendéndose tamén á praza da Cultura, á explanada situada fronte á piscina municipal, ás pistas polideportivas da avenida Manuel Fraga, e ao pavillón do IES Agra de Leborís.
Durante toda a mañá, veciños e visitantes poderán practicar unha ampla variedade de disciplinas deportivas e recreativas pensadas para todas as idades e niveis, coa finalidade de pasar unha divertida xornada ao tempo que se promoven os hábitos de vida saudables e se dá visibilidade á diversidade de modalidades que se poden realizar no municipio tanto a través da programación municipal como dos clubs e entidades locais.
Entre as propostas deportivas, lúdicas e recreativas figuran fútbol, baloncesto, tiro con arco, mountain bike, xadrez, equitación, billarda, adestramento funcional, ximnasia de mantemento, marcha nórdica, pista de obstáculos, zumbea, escalada tobogán, táboa de surf e salvamento. Todas elas estarán coordinadas por monitores e persoal especializado.
Ao longo da mañá tamén se realizarán exhibicións de patinaxe, judo, ximnasia rítmica e zumbea kids, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer de preto tanto eses deportes como a actividade que desenvolven os clubs e as escolas deportivas municipais da Laracha.
Ademais, a asociación Adro de Vilaño aproveitará a cita para presentar oficialmente a IX edición da carreira do Apóstolo, unha proba xa consolidada no calendario deportivo estival e que volverá reunir numerosos participantes nesa parroquia.
Como peche da xornada, celebrarase unha tómbola con sorteo de premios entre todas as persoas que participen nalgunha das actividades deportivas propostas ao longo da mañá.
O Día do Deporte reafírmase como unha iniciativa de referencia na promoción da práctica deportiva desde unha perspectiva aberta a toda a cidadanía, independentemente da idade ou da condición física.
O evento está organizado polo Concello da Laracha coa colaboración de entidades e clubs deportivos do municipio, entre eles o Club Baloncesto Laracha, Club Arco Laracha, Laracha en Dúas Rodas, Amigos del Judo Laracha, Club de Salvamento Acuático Laracha e os clubs de billarda APB A Laracha, Campo da Feira e Asociación Cultural Deportiva A Billarda de Toxo, ademais da Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro que contará con posto informativo, Gadis e Imprenta Esymar.