Derbi na 3ª-FEB: O Ineltrón Santo Domingo espera o Traumacor Culleredo

Chamamento do club betanceiro para encher as bancadas o vindeiro domingo

O inicio da segunda volta da Liga Tercera FEB no seu Grupo AB trae consigo un apaixonante derbi mariñán para este domingo 26 de xaneiro. Logo de dúas vitorias consecutivas, que lle fixeron acadar o 8º posto na clasificación do grupo, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe no Carregal (futuro pavillón José María Valeiro “Tocayo”) a un dos rivais directos nesta competición: os sempre difíciles veciños de Traumacor Culleredo. O equipo de Luís Folla, que venceu aos de Doc por 71-65, ocupa o posto 12º da táboa, cunha soa derrota máis ca os betanceiros, e tras unha racha negativa de 9 partidos perdidos consecutivos, tratará de endereitar o rumbo fronte a un vello coñecido. O róster cullerdense mestura mocidade e veteranía (nel xoga, amais do ex-ACB Corbacho, o ex-Santo Domingo Betanzos e Básquet Coruña Toni Seijo) e conta como máximo realizador con outro ex-xogador betanceiro, o aleiro Fernando Vidal. Xunto a el destacan o 2.08 Alberto Díaz, o arxentino con pasaporte italiano Espinoza Orozco, ou o base georgiano Luka Bulashvili, fichado hai algunhas semanas, sen esquecer os sempiternos irmáns Añón, Álvaro e Christian, no primeiro equipo dende hai máis dun lustro.

Así valora o partido Antonio Díaz “Doc”, o preparador do equipo local: “É un rival complicado, con xogadores moi experimentados na categoría. Gañáronnos en copa e en liga, de feito. Agardo un partido ben duro no que, quen impoña o seu estilo de xogo terá moitas papeletas para levar a vitoria”.

A cita, o domingo no horario habitual (17h), nun Carregal que a directiva espera cheo pola importancia do partido.

Comparte éste artículo
No hay comentarios