É o terceiro premio que Fillas de Cassandra recibe nos últimos meses polos seus traballos audiovisuais: ‘Hibernarse’ gañou os galardóns de Mellor Videoclip tanto nos Mestre Mateo coma nos Premios da Industria Musical de Galicia.
Descubre más noticias musicales como ésta
Fillas de Cassandra veñen de sumar un novo recoñecemento aos traballos audiovisuais que acompañan os seus sinxelos. Tras erixirse como gañadoras ao Mellor Videoclip con ’Hibernarse. O videofilme’ tanto nos Mestre Mateo coma nos Premios da Industria Musical de Galicia, o xurado do Festival de Cans vén de concluír que ‘insolación’ é o traballo máis salientable dos presentados nesta edición.
‘insolación’, dirixida polas propias María SOA e Sara Faro canda Santi Iglesias e Sergio ‘Steel’, rodouse en Vigo o pasado mes de decembro. A peza acompaña o segundo avance do seu último álbum ‘Tertúlia’. Nesta canción, Fillas de Cassandra manifestan con rotundidade a necesidade de que o diálogo se sitúe moito máis alá da palabra e se escorregue a través do contacto físico, a danza, a suor e a éxtase colectiva. “Bailar ata o borde da insolación” é a proposta que as artistas lanzan ao público: queren trasladar a sensación de sufoco e liberación que permanece nunha mesma tras unha intensa xornada de danza coas amigas.
‘insolación’ nace no final de ‘saír á fresca’: un encontro inesperado nunha parada de transporte público de Vigo do que agroman numerosas conversacións, e que deriva no inusual e festivo tránsito cara ao seguinte destino, cuxa parada final non é outra que ‘Tertúlia’, o novo álbum de Fillas de Cassandra publicado o pasado 24 de abril. A estrea do videoclip tivo lugar o 26 de febreiro diante de máis de 23.000 persoas no Estadio de Balaídos, durante a celebración do partido da Europa League entre o Real Club Celta de Vigo e o PAOK de Salónica.
Por outra banda, Fillas de Cassandra continúan presentando ‘Tertúlia’ polo mundo adiante. Tras visitar Pontevedra, Sabadell, Xixón e Praga, a semana que vén presentarán o seu novo disco no Festival Bushfire, que se celebra en Eswatini e que a CNN sinalou como un dos sete festivais africanos “imprescindibles”. O dúo vigués será a única banda da Península Ibérica que actúe neste evento.
PRIMEIRAS DATAS DA XIRA INTERNACIONAL ‘TERTÚLIA’
- 9 de maio. Recinto Feiral (Pontevedra)
- 15 de maio. Festival Embassat (Sabadell)
- 16 de maio. Vibra Mahou (Xixón)
- 21 de maio. Iberian Waves (Praga, República Checa)
- 29 ao 31 de maio. Bushfire (Eswatini -antiga Suazilandia-)
- 27 de xuño. Festival N2 (Chaves, Portugal)
- 9 de xullo. Portamérica (Portas)
- 16 de xullo. Etnosur (Xaén)
- 18 de xullo. Cantilafont (Olost)
- 2 de agosto. Orballo Cultural (Ribeira)
- 16 de agosto. Fnac Day no Auditorio de Castrelos (Vigo)
- 5 de setembro. Osa do Mar (Burela)
- 6 de novembro. Sala La Riviera (Madrid)
Foto portada © Cris Andina