Galiza Nova celebra un acto público en Lugo enmarcado na campaña «As súas guerras, a nosa precariedade»

 Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, celebrou esta mañá un acto enmarcado na campaña «As súas guerras, a nosa precariedade», que denuncia o aumento do gasto militar e a normalización da cultura da guerra impulsados polo Estado e pola Xunta. A concelleira Iria Buide estivo presente no acto conducido polo responsábel comarcal de Galiza Nova en Lugo, Adrián Rancaño, quen afirmou que «a mocidade galega non vai mirar cara a un lado mentres convirten as nosas rúas nun parque temático militar».

«A barbarie levada a cabo sobre Palestina, Venezuela, Cuba, Irán ou o Líbano obríganos a mobilizarnos como nunca antes, mostrando a nosa solidariedade interncionalista e repulsa ante calquera caso de inxerencia», dixo Adrián Rancaño, quen asegurou que Galiza Nova traballa para conseguir «unha Galiza ceive que se relacione co mundo con diplomacia, de igual a igual e con solidariedade con todos os pobos do mundo»

O Responsábel Comarcal de Galiza Nova convidou a toda a mocidade lucense a participar na manifestación nacional que se celebrará o vindeiro 30 de maio en vigo contra un aumento en gasto militar «que só beneficia a unha elite privilexiada e á industria armamentística».

Galiza Nova reclama con esta campaña máis soberanía para o pobo galego, soberanía para poñer en marcha institucións que estean, de verdade, ao servizo das galegas e galegos, poñendo os recursos para avanzar en benestar e progreso no país. «Soberanía para loitarmos por un mundo máis xusto, igualitario e en paz, soberanía, en definitiva, para non ter que sofrer nunca máis que as súas guerras sexan a nosa precariedade», dixo Rancaño.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios