Os populares piden “o mesmo trato que os demais, servizos e infraestruturas dignas do século XXI e recuperar as variantes ferroviarias previstas polo Goberno de Rajoy para reducir os tempos de viaxe”.
“O Goberno de Sánchez recoñece as frecuencias perdidas dende o ano 2018 en Lugo” ante as preguntas dos senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano.
Os populares pediron explicacións ao Goberno de Sánchez, oficialmente e por escrito dende o Senado, sobre os servizos ferroviarios con destino ou orixe na cidade de Lugo en agosto do 2018 e na actualidade. Os senadores explican que “non lles quedou máis remedio que recoñecer a realidade en resposta oficial” evidenciando a perda de frecuencias de Lugo dende a chegada de Sánchez ao Goberno.
En Media Distancia, Lugo perdeu unha frecuencia de ida e outra de volta coa Coruña. No 2018 dispoñíase de tres conexións diarias con saída da Coruña (ás 06.38 horas, 09.20 horas e 19.30 horas) e catro con saída de Lugo (08.26 horas, 10.56 horas, 16.00 horas excepto os sábados e 21.35 horas) mentres que, na actualidade, só están dispoñible dúas con saída dende A Coruña (07.05 horas e 19.35 horas) e tres con saída dende Lugo (08.55 horas, 14.41 horas e 21.28 horas).
E, en servizos comerciais, Lugo perdeu dúas conexións directas con Madrid. “No ano 2018 tiñamos catro frecuencias diarias directas con Madrid (dúas de ida e dúas de volta), pero agora só temos dúas (unha de ida e outra de volta) porque as outras dúas fan escala en Ourense”, expoñen.
Os populares insisten en que “cambiar o horario dunha frecuencia non é gañar ningunha frecuencia nin é ningún logro cando temos menos frecuencias que fai 8 anos”. Así, censuran “a discriminación a Lugo por parte do Goberno de Sánchez co visto e prace do PSOE lucense e a complicidade do BNG” á vista de que “mentres o resto de capitais de provincias en Galicia gañan frecuencias de conexión coa capital de España, Lugo pérdeas”.
Os populares inciden en que, “ademais da perda de dúas conexións directas con Madrid e unha frecuencia coa Coruña, o Goberno de Sánchez tamén eliminou a conexión co País Vasco e o tren hotel a Barcelona”.
Os senadores do PP lucense esixen ao Goberno de Sánchez, ao PSOE e ao BNG “tratar á provincia como se merece” porque “non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos. Non imos permanecer calados mentres nos tratan como se foramos de segunda”.
Os populares volven demandar tamén “servizos e infraestruturas ferroviarias dignas do século XXI” para o que “urxen á correcta execución das obras pendentes para evitar, por un lado, molestias aos lucenses e garantir, por outro, a seguridade ferroviaria”. E, por suposto, reivindican “recuperar as variantes ferroviarias anunciadas polo Goberno de Rajoy no 2018 que permitirían reducir os tempos de viaxe entre Lugo e Ourense”.