Despois da proxección do filme, producido pola Fundación Galiza Sempre, haberá un coloquio co seu director e estudoso da revolución, César Caramês.
O filme documental sobre a Revolución Galega de 1846, producido pola Fundación Galiza Sempre, estréase este sábado, 30 de maio, na Casa-Museo Manuel María. Será nunha sesión especial, ás 19:00 hrs, e contará coa presenza do seu director e estudoso da revolución, César Caramês, que manterá un coloquio, após a proxección, co público asistente.
1846-Revolución Galega, é o resultado de anos de traballo de investigación do profesor de lingua e literatura galega de Moraña, César Caramês, para recuperar do ostracismo un dos episodios máis importantes da historia contemporánea de Galiza. A Fundación Galiza Sempre, produtora do documentario, tamén editou, aproveitando o 180 aniversario da revolución, un monográfico, dentro da súa colección de Efemérides da Galiza, elaborado polo propio César Caramês, que será distribuído gratuitamente este sábado.
O feito de que este documental vira a luz, sinala a Fundación Galiza Sempre, responde a que somos conscientes de que a Revolución Galega é practicamente descoñecida para a maioría do noso pobo. Ocultala como un pronunciamento liberal español máis, con certa dose folclórica galeguista, impide a comprensión da propia realidade presente. Calquera achegamento á literatura galega do século XIX ou á historiografía de Galiza vírase forzosamente incompleto sen abranguer un evento tan transcendental para a xeración que o protagonizou. Rosalía, Murguía ou Pondal preséntanse inexplicábeis se descoñecemos o substrato do que abrollan. Porén, a narrativa oficial, alicerzada nunha obra de 1977 con pretensión ‘desmitificadora’, agocha ou mingua a combatividade e a anticipación daquel movemento. Mesmo murcha as súas repercusións e conexións populares e internacionais. Redúceo a unha anécdota rexional no discurso nacional español sen dubidar en silenciar as mesmas fontes históricas.
A dixitalización das fontes, a súa democratización, permite cuestionar ese relato histórico e completar eses retallos da nosa historia para entender que a aparición de Galiza como suxeito nacional moderno desde a acción político-militar, racha coa concepción colonial, sentimentalista, do nacemento como fenómeno literario. Non existiría idea de Galiza como nación, mesmo galeguismo ou autogoberno presente sen aquel soberanismo revolucionario inicial. A revisión da Revolución Galega convértese así en fulcral para o entendemento da nosa historia recente e de nós mesmas como colectividade actuante sobre o noso destino a partir de precedentes claros.
O documentario conta con un amplo elenco de 17 especialistas para contrastar a interpretación dos feitos e contexto desde diferentes puntos de vista: economía, literatura, antropoloxía, política, xénero, socioloxía, relixión e, por suposto historia contemporánea. Así, podemos encontrar a Carlos Callón, Ascensión Cambrón, Camilo J. Cortizo, Uxío Breogán Diéguez- Cequiel, Isidro Dubert, Eliseo Fernández, Manuel Gago, Xurxo Martínez, Francisco Prieto, Juan Renales, Henrique del Río, Francisco Rodríguez, Antom Santos, Goretti Sanmartín, Iria Taibo, Marga do Val e a X. Ramón Veiga.
A entrada para ver o documentario é de acceso libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621