A opacidade rodea de novo o polémico Proxecto Cobre San Rafael nos concellos de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces. A Administración vén de denegar a condición de persoa interesada e o acceso a documentos clave do expediente a persoas que presentaron alegacións ao proxecto e solicitaron ser recoñecidas como parte interesada.
A comunicación xustifica esta negativa afirmando que as reclamacións se basean en «dereitos xenéricos« á vida, á saúde ou ao medio ambiente. Segundo a Administración, non se demostra unha relación directa entre os solicitantes e o impacto da mina.
As persoas afectadas cualifican este argumento de «absurdo e intolerable«. Lembran que o proxecto pretende implantar unha explotación mineira a ceo aberto de máis de 800 hectáreas ás portas das vivendas con clara incidencia no Camiño de Santiago e á conca fluvial do río Ulla.
«Non estamos ante unha preocupación abstracta pola legalidade.” Manifestan dende o colectivo Mina Touro O Pino NON, que foi alertada polas persoas ás que lles empezaron a remitir as negativas de acceso.
Vulneración das leis de transparencia ambiental
A denuncia pública apunta tamén a que a Administración está a incumprir a Lei 27/2006 de acceso á información en materia de medio ambiente. Esta lei obriga a dar a máxima transparencia aos expedientes. Ao ocultar os documentos actualizados que non foron expostos no trámite inicial, atopámonos nunha situación de total «indefensión» ao non poder formular alegacións coñecendo o alcance real do proxecto.
O colectivo contrario á mina xa anunciou a presentación dun recurso de alzada que facilitará ás persoas afectadas, para esixir que se lles recoñeza formalmente como parte interesada e se dea acceso electrónico a todo o expediente antes de que se dite ningunha resolución definitiva. De non ser así, avisa de que porá os feitos en coñecemento do Consello de Transparencia e Bo Goberno. Facemos tamén unha chamada a todos os concello da ribeira do río Ulla para facer frente común contra este proxecto ambientalmente perigoso para o futuro do río e en consecuencia para a poboación que se abastece deste recurso hídrico.