O traballo conxunto de Concello e asociacións fará do Arde Lucus unha edición histórica

Coincidindo coa conta atrás para o Arde Lucus, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude, Damián Carballo, avanzaron hoxe algunhas das novidades da 25ª edición da festa de recreación histórica, que este ano se celebra baixo o nome de Arde Lucus Argenteus.

A presentación realizouse xunto aos representantes das asociacións de recreación histórica, simbolizando a recuperación do entendemento, da colaboración e do traballo compartido entre o Concello e as entidades que dan vida á festa.

Entre as principais novidades destaca o reforzo da programación musical. Xunto ao xa anunciado concerto de Abraham Cupeiro na praza de Santa María, o Arde Lucus Argenteus contará coa actuación de Celtica Pipes Rock!, unha das bandas europeas máis recoñecidas na fusión da música celta co rock e o metal sinfónico.

O grupo presentará o seu novo espectáculo, cunha posta en escena na que as gaitas, a pirotecnia e os efectos visuais volverán ser protagonistas.

A programación musical completarase coa participación de Grimorium, compañía especializada en música fantástico-medieval e recreación histórica, que ofrecerá un concerto en directo inspirado na tradición medieval e fantástica, combinando instrumentos históricos e animación escénica.

Outra das grandes apostas desta edición será a ampliación do Circo Romano, que contará con tres sesións: unha función de tarde, unha específica para público infantil e unha sesión nocturna, recuperando así un formato especialmente demandado polo público e polas asociacións.

Durante o acto, a alcaldesa puxo en valor o papel esencial das asociacións na evolución do Arde Lucus ao longo destas dúas décadas e media.“Sen as asociacións non sería posible o Arde Lucus que hoxe coñecemos. O Concello podería organizar unha festa, pero non sería nin de lonxe esta gran celebración que implica a toda a cidade. A vosa dedicación, xenerosidade e traballo constante son a verdadeira alma do Arde Lucus e os seus éxitos son tamén os vosos”, destacou Elena Candia.

Pola súa banda, Damián Carballo agradeceu a implicación das entidades e destacou o traballo conxunto realizado nas últimas semanas para incorporar propostas e melloras trasladadas polas asociacións, reforzando a coordinación e o espírito de colaboración que caracterizan esta edición.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios