A deputada, Sol Agra Tuñas, recordou a «importancia dos servizos de normalización lingüística nos concellos para poñer en marcha campañas de normalización e dinamización da lingua, sobre todo na infancia e na adolescencia«.
O Pazo de Mariñán convértese hoxe no espazo de celebración do II encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local, organizado polo departamento de Lingua da Deputación da Coruña. O obxectivo é xerar un espazo de cohesión e inspiración para profesionais das políticas públicas de normalización e dinamización da lingua na administración local a través destas “xornadas de traballo nas que se intercambiarán experiencias exitosas, priorizando as intervencións e campañas no territorio máis que na propia institución», tal e como afirmou a deputada, Sol Agra Tuñas.
Durante a benvida, Agra salientou a «importancia dos servizos de normalización lingüística nos concellos para poñer en marcha campañas de normalización e dinamización da lingua, sobre todo na infancia e naadolescencia». Recordou que «a provincia da Coruña ten o maior número de SNL (servizos de normalización lingüística) municipais grazas á subvención da Deputación que financia o persoal dos mesmos. En Lugo e Ourense só tres concellos teñen este servizo, e en Pontevedra 11, mentras que na Coruña temos 25.»
A xornada ten os obxectivos de xerar un espazo de coñecemento mutuo e cohesión entre profesionais do eido da normalización lingüística na provincia; dar a coñecer referentes de interese que poidan inspirar a acción nos diversos territorios; facilitar un espazo de diálogo de calidade e indagación colectiva no que afondar nas posibilidades de intervención en diferentes eidos; e avaliar posibles modificacións nas bases do FONL, o programa de subvencións da Deputación coruñesa, dirixido a concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística.
O programa inclúe formación teórica sobre identidade lingüística e cultural nas infancias e adolescencias con Natalia Cea; unha mesa redonda de experiencias inspiradoras desde diferentes ámbitos; un coloquio facilitado ao redor das experiencias da mesa redonda; un diálogo aberto coa Deputación e un espazo participativo prototipado de propostas para a intervención con infancias e adolescencias.