O BNG de Camariñas impulsa unha iniciativa para reafirmar o compromiso co movemento LGTB

Xurxo Rodríguez: “Segue a haber moito camiño por percorrer para acabar coa discriminación e a violencia que padecen as persoas LGBT ao redor do mundo, como tamén na propia Galiza”

O BNG de Camariñas vén de rexistrar unha moción no Concello centrada no seu compromiso co movemento LGTB, para que sexa tratada no vindeiro pleno, e anunciaron que participarán na celebración do orgullo que se vai a celebrar este sábado 21 de xuño no bar O Estanco de Camelle.

Na iniciativa presentada, os nacionalistas proporán á Corporación que reafirme o seu compromiso cos dereitos de todas as persoas independentemente da súa orientación e/ou identidade de xénero, e que condene os discursos de odio espallados por movementos reaccionarios, traballando activamente para evitar a discriminación e non asumindo posicións LGBTfóbicas nin estabelecendo acordos e alianzas con forzas políticas e colectivos que os apoien.

O BNG tamén instará ao goberno municipal a visibilizar este compromiso coa exhibición da bandeira do Orgullo LGBT na Casa do Concello e edificios municipais, e promover políticas municipais que garantan a igualdade e a visibilidade do colectivo LGBT.

Ademais, a moción propón dirixirse á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado para reclamar a ampliación de dereitos e a aplicación de medidas efectivas contra o odio, a discriminación e todas as formas de violencia, así como a aumentar os dereitos recoñecidos na lexislación actual e desenvolver e aplicar políticas activas contra o odio e a discriminación, con medidas claras para a protección dos colectivos que poidan ser albo destas violencias e con iniciativas para combater non só a LGBTfobia e a transfobia, senón tamén o machismo.

O voceiro do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, manifestou que “segue a haber moito camiño por percorrer para acabar coa discriminación e a violencia que padecen as persoas LGBT ao redor do mundo, como tamén na propia Galiza”.

O portavoz nacionalista subliñou que “o marco lexislativo existente na Galiza é claramente exiguo, ademais de que aínda non está completamente desenvolvido; as decisións adoptadas por parte do Partido Popular na Xunta provocan que, por exemplo, aínda non exista ningunha lexislación específica que recolla os dereitos das persoas transexuais ou que non se teñan desenvolvido medidas concretas en materia educativa para fomentar a diversidade e combater a LGBTfobia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios