O PP advirte que “o Goberno de Sánchez recortou nun 66% os efectivos da Garda Civil no cuartel do Valadouro”

O alcalde, José Manuel Lamela, explica que “este é o cuartel máis antigo da provincia, actualmente atende aos municipios do Valadouro e Alfoz e dende o Concello temos interese en que continúe prestando servizo”.

O senador mariñán do Partido Popular, José Manuel Balseiro, advirte que “durante o Goberno de Sánchez os efectivos do cuartel da Garda Civil do Valadouro se reduciron nun 66%: dos 6 que había no 2018 aos 2 da actualidade”.

Os representantes do PP lucense no Senado dirixíanse formalmente ao Goberno de Sánchez para saber se consideraban axeitada a dotación de persoal neste cuartel e cando pensaba cubrir as vacantes; pero, á vista de que “non respondeu a nada do que preguntabamos, entendemos que non ten previsto cubrir as prazas”, expón Balseiro. 

“Iso si, o ministro Marlaska asegura que entre os anos 2012 e 2018 se perderon 13.000 efectivos en España e que, a partir dese ano, comezaron a cubrir as prazas. Pero no Valadouro sucede o contrario: no ano 2018 había 6 efectivos e hoxe hai 2”, censura.

O alcalde, José Manuel Lamela, explica que “o cuartel do Valadouro é o máis antigo da provincia” (data de 1936) e asegura que “dende o Concello temos interese en que continúe prestando servizo”. Pero, segundo considera, “o actual número de efectivos non é suficiente para atender axeitadamente aos municipios do Valadouro e Alfoz”.

SERVIZOS ESTATAIS CON PRAZAS VACANTES

Balseiro considera “chamativo” que “dous servizos instalados no municipio do Valadouro e que dependen ao 100% do Goberno de Sánchez sufran carencias de persoal”. De feito, “o catálogo da Garda Civil está cuberto neste momento só un 33% e o servizo de Correos está cuberto ao 50%, xa que dispoñía de 4 traballadores e agora só hai 2”.

O senador do PP convida ao seu homólogo do PSOE, César Mogo, a presentar iniciativas no Senado para esixir ao Goberno de Sánchez a cobertura de prazas vacantes destes dous servizos do seu concello de orixe. “Sería unha boa oportunidade para demostrar que fai algo” porque “sería unha das poucas iniciativas que teña presentado o representante socialista no que vai de lexislatura en defensa dos intereses dos lucenses”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios