A formación nacionalista insiste en que o conflito segue aberto e que a veciñanza ten o dereito de defender o seu territorio fronte a un proxecto nocivo.
O BNG Lugo acompañou esta mañá á veciñanza de Coeses na entrega de centos de sinaturas no edificio administrativo da Xunta en Lugo, nun novo capítulo da mobilización social contra a planta de biometano
proxectada no monte comunal da parroquia. O Tenente Alcalde de Lugo e portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, reiterou o apoio firme da formación nacionalista á veciñanza, lembrando que «o proxecto foi rexeitado na Autorización Ambiental Integrada, mais a Xunta continúa a defendelo como Iniciativa Empresarial Prioritaria».
Arroxo advertiu de que o conflito continúa aberto e que o BNG seguirá a traballar ata conseguir a súa paralización definitiva. «A propia Xunta recoñeceu as deficiencias do proxecto, pero inexplicablemente mantén o seu respaldo, priorizando os intereses privados por riba dos dereitos da veciñanza», denunciou.
Na xornada anterior, Rubén Arroxo e a deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, participaron nun encontro coa veciñanza e con representantes de ADEGA para analizar os últimos avances, entre eles o recurso presentado pola empresa promotora, baseado nun suposto incumprimento de prazos por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Desde o BNG puxeron en valor a constancia e organización da plataforma veciñal, cualificando a súa loita como exemplar e sostida no tempo. «O BNG sempre estivo e estará ao carón da veciñanza, tanto nas institucións como na rúa, denunciando proxectos que non responden ao interese común e que poñen en risco o medio e a saúde das persoas», subliñou Arroxo.
Tanto o BNG como ADEGA coincidiron na necesidade de manter vivas as mobilizacións ata que o procedemento quede definitivamente pechado. «O impacto dunha planta destas características preto das vivendas pode ser brutal. A Xunta ten a obriga de poñer por diante a protección das persoas e do territorio fronte a calquera interese económico», concluíu o portavoz nacionalista.