Agromuralla esixe a Consellería do Medio Rural «medidas eficaces» para evitar unha nova vaga de lumes este verán

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra cada 5 de xuño desde 1972, ano no que foi establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na Conferencia de Estocolmo, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla enfatiza «o valor da gandería na prevención de incendios» e pide que se adopten «medidas eficaces» para evitar que Galicia sufra unha nova vaga e lumes este verán como a sucedida no 2025 na provincia de Ourense e que afectou a ducias de explotacións agrogandeiras. 

As gandería cumpre unha función esencial na xestión activa do territorio e no mantemento da paisaxe e do medio rural, asegura Agromuralla. «As explotacións agrogandeiras contribúen ao mantemento da paisaxe agraria e dos mosaicos agroforestais, esenciais na prevención dos incendios forestais e no aproveitamento sostible da superficie agraria útil de Galicia, consolidándose como unha ferramenta fundamental para a protección e conservación da riqueza ambiental de Galicia», afirma Noelia Rodríguez, presidenta da asociación. 

Por iso, coincidindo co Día do Medio Ambiente, Agromuralla pide á Xunta de Galicia que «facilite» o uso das fincas abandonadas por parte das granxas próximas e a posta en marcha dos mecanismos previstos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia aprobada no ano 2021. 

Unión e solidariedade entre gandeiros

Tralos devastadores incendios forestais sufridos o verán pasado na provincia de Ourense, Agromuralla centrou os seus esforzos en subministar aos gandeiros das zonas afectadas comida para os seus animais, ao igual que fixera no ano 2017 a explotacións dos Ancares. 

Desde entón foron xa entregados 40 camións de rolos de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, unha labor que se iniciou nas semanas posteriores aos lumes e que continuou durante todo o inverno. A forraxe foi donada por socios de Agromuralla e por outros gandeiros e transportada coa colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte. 

Medio ambiente e produción de alimentos

Agromuralla pide tamén «maior coordinación» entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia vinculados co Medio Ambiente e o Medio Rural. «Moitas veces vemos falta de entendemento entre as Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, cando o lóxico sería que fosen unha mesma consellería, como acontece noutros países que sitúan a Agricultura e a Gandería como unha prioridade», argumenta Noelia Rodríguez. 

«O Medio Ambiente non pode ser un impedimento para a produción de alimentos», reitera, poñendo como exemplo as «continuas dificultades» que teñen as explotacións que están enclavadas en zonas de Rede Natura para o desenvolvemento da súa actividade. 

Control da fauna salvaxe

Outra das reclamacións de Agromuralla co gallo do Día do Medio Ambiente ten que ver co control da fauna salvaxe, nomeadamente o lobo, o xabarín e o oso, que «prexudican de forma importante o día a día das explotacións, provocando cuantiosas perdas e condicionando o manexo do gando», denuncia Noelia Rodríguez.  

Neste sentido, pon como exemplo as nove xovencas que recentemente se despeñaron no canón do río Miño en Taboada como consecuencia do ataque do lobo e que obrigou a mobilizar, grazas ás xestións realizadas por Agromuralla diante das distintas Administracións, un helicóptero chegado de Asturias para o seu rescate.

«As granxas leiteiras poderían abaratar custos de recría tendo as xatas fóra pero non o poden facer en moitos casos polo lobo e as explotacións de vacún de carne de zonas da montaña e do interior de Galicia tampouco poden ter os xatos fóra coas súas nais polos continuos ataques», denuncia Noelia Rodríguez, que pide «que as indemnizacións cubran o valor real dos animais e os danos e consecuencias no resto do rabaño a nivel produtivo e reprodutivo, xa que moitas veces as vacas sofren abortos polo estrés xerado polos ataques do lobo». 

No caso do xabarín, Agromuralla denuncia que «o porco bravo está a levantar este ano fincas enteiras de millo recén labradas en concellos como Palas de Rei, Guitiriz ou A Pastoriza», coa consecuente perda de produción de forraxe por parte das ganderías afectadas, sen que «nin os seguros agrarios nin as indemnizacións da Xunta cubran na maior parte dos casos na súa totalidade os danos sufridos». 

Comparte éste artículo
No hay comentarios