Elena Candia rescata do esquecemento a caseta do garda do Parque Rosalía para devolverlla aos veciños

A Alcaldesa de Lugo ovén de encargar a redacción do proxecto para rehabilitar a antiga caseta do garda do Parque Rosalía de Castro, un inmoble situado nunha das zonas máis emblemáticas da cidade que leva anos pechado, sen uso e nun evidente estado de deterioro.

Cristais rotos, pintadas e sinais de vandalismo evidencian o abandono dun espazo situado xunto á área infantil do parque e que, lonxe de cumprir unha función útil para a cidadanía, converteuse co paso do tempo nun exemplo de instalación municipal desaproveitada e vandalizada.

O obxectivo do goberno local é recuperar este inmoble, mellorar a súa imaxe e definir novos usos que permitan ofrecer servizos aos usuarios do parque e da veciñanza.

Esta actuación súmase a outras iniciativas xa impulsadas para recuperar equipamentos municipais que levaban anos pechados ou infrautilizados. É o caso do antigo quiosco da Praza Maior, para o que xa se está a tramitar unha solución que permitirá habilitar aseos públicos e un punto de información turística.

“Lugo non pode permitirse seguir acumulando espazos pechados, deteriorados e sen utilidade para os veciños. A nosa prioridade é recuperar o patrimonio municipal, poñelo en valor e convertelo en servizos útiles para a cidadanía”, destacan desde o goberno local.

Co encargo deste proxecto dáse o primeiro paso para transformar un inmoble que durante anos foi protagonista de anuncios e intencións en actuacións concretas que permitan a súa recuperación efectiva.

Comparte éste artículo
No hay comentarios