A Delegación da Xunta en Lugo inaugura a mostra colectiva ‘Miradas de artistas’ dentro das actividades organizadas polo 8M

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle dende hoxe a exposición colectiva de pintura ‘Miradas de artistas’ que ten ás mulleres como protagonistas. O delegado territorial Javier Arias e a pintora e organizadora da actividade, Ana María Rodríguez (Anamá), inauguraron esta mañá a exposición dentro dos actos organizados co gallo da celebración do 8-M.

A mostra está formada por unha corentena de traballos realizados por nove artistas galegas: a propia Ana María Rodríguez, Alejandra Aranzana, Carmen Prado, Concetta Montenegro, Helena Ayape, Isabel Rodríguez, Mercedes Arias, Luisa Paz Montenegro e Rosa Guisán. 

Trátase dunha selección de obras que pintaron ao longo dos últimos anos, con variedade de estilos, e que coinciden en outorgar o protagonismo a mulleres de distintas orixes e realidades. Así, na mostra comparten espazo representacións de mulleres anónimas con outras recoñecidas, como Frida Khalo ou Rosalía de Castro.

Javier Arias animou a visitar a exposición, “que reivindica o papel feminino na arte e que recoñece a aquelas mulleres, coñecidas ou non, que loitan ou loitaron pola igualdade e que son todas elas fonte de inspiración para as novas xeracións”. 

A mostra poderá verse na sala de exposicións da Delegación Territorial ata o vindeiro 31 de marzo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios