O río Centiño e as Casiñas de Conto protagonizan unha xornada de natureza e sustentabilidade en Foz

O vindeiro domingo 14 de xuño celebrarase en Foz unha actividade organizada por Guía Tu Día para coñecer dous espazos singulares do municipio a través dunha experiencia guiada e participativa.

A xornada dará comezo ás 10:30h cun roteiro polo río Centiño conducido pola guía mariñá Ana, que permitirá ás persoas participantes descubrir a riqueza natural, paisaxística e histórica deste enclave.

Posteriormente, o grupo visitará as Casiñas de Conto, onde David presentará o seu proxecto, un espazo inspirado na fantasía e na creatividade, convertido xa nun lugar de referencia para quen busca experiencias diferentes en contacto coa natureza.

A programación completarase cunha plantación participativa destinada a contribuír á mellora da contorna e cunha degustación de produtos de proximidade, apostando polo consumo local e sostible.

Desde a organización sinalan que a iniciativa pretende ofrecer unha mañá de lecer responsable, favorecendo o coñecemento do territorio e o contacto directo con proxectos que dinamizan o rural e promoven o respecto polo medio ambiente.

A actividade está aberta a persoas de todas as idades. O prezo é de 15 euros por persoa, 8 euros para menores de 18 anos e gratuíta para nenos e nenas de ata 8 anos.

As prazas son limitadas e admítense mascotas. As reservas poden realizarse a través do teléfono 654 99 68 57.

Comparte éste artículo
No hay comentarios