Os GDR impulsan as Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha nova proposta para descubrir Galicia a través do viño

A iniciativa conecta por primeira vez as cinco IXP vitícolas galegas nun proxecto común de enoturismo que combina viño, gastronomía, patrimonio e paisaxe, e presentarase ao público a través de cinco xornadas abertas entre xuño e xullo.

Galicia conta desde agora cunha nova proposta para descubrir o territorio a través da cultura do viño. Os Grupos de Desenvolvemento Rural participantes no proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viño de Galicia”, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, impulsan as Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha iniciativa que conecta por primeira vez as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas vitícolas galegas baixo unha estratexia común de promoción e dinamización turística.

Inspirada na filosofía da campaña “Viños que falan de nós”, a iniciativa nace co obxectivo de promover o enoturismo nas IXP galegas, dar a coñecer os seus viños e contribuír ao desenvolvemento económico dos seus territorios a través dunha oferta turística diferenciada, sostible e de calidade.

A proposta articúlase arredor de cinco itinerarios que permiten descubrir Galicia desde diferentes paisaxes e identidades vitivinícolas: a Ruta dos Viños Mareiros(Barbanza e Iria), a Ruta dos Viños con Esencia de Río(Val do Miño-Ourense), a Ruta dos Viños da Biosfera(Betanzos), a Ruta dos Viños Oceánicos (Ribeiras do Morrazo) e a Ruta dos Viños entre Montañas (Terras do Navia).

Como ferramenta vertebradora do proxecto, crearase tamén o Pasaporte das IXP de Viño de Galicia, xunto con outros recursos como unha guía divulgativa, materiais promocionais, contidos audiovisuais, unha plataforma web común e unha rede de colaboradores que contribuirán a reforzar a visibilidade das IXP e das súas adegas.

O lanzamento público desta nova proposta realizarase a través das Xornadas Enoturísticas das IXP de Viños de Galicia, un programa de cinco eventos gratuítos que combinarán presentacións dos itinerarios, visitas guiadas, catas comentadas e degustacións de produtos locais.

As xornadas celebraranse o martes 16 de xuño no Pazo de Goiáns (Boiro), o luns 22 de xuño no Pazo de Trasalba (Amoeiro), o luns 29 de xuño no Pazo de Mariñán (Bergondo), o venres 3 de xullo no Mosteiro de Poio e o luns 13 de xullo na Casa do Cazador (Negueira de Muñiz).

As persoas interesadas poden consultar toda a información sobre os itinerarios e inscribirse gratuitamente nas xornadas a través da web viños.ixp.gal.

O proxecto está promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador do proxecto), Deloa, Mariñas-Betanzos, Ardecou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas, os viticultores e outros axentes dos cinco territorios participantes.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do Plan Estratéxico, PEPAC 2023-2027, e conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Comparte éste artículo
No hay comentarios