A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello aos integrantes da academia Ritmolugo para desexarlles moita sorte na súa participación no Campionato do Mundo de Baile Deportivo, que se celebrará nos próximos días en Bolonia (Italia).
Seis deportistas de entre 10 e 19 anos, acompañados por membros da escola, viaxarán este xoves para representar a Lugo nesta importante cita internacional.


Durante o encontro, a rexedora felicitou aos participantes polo esforzo, a constancia e o traballo realizado para chegar a unha competición deste nivel e animounos a desfrutar dunha experiencia única.
A academia Ritmolugo é unha habitual dos campionatos nacionais e internacionais de baile deportivo, nos que adoita acadar destacados resultados, levando o nome de Lugo a diferentes puntos da xeografía española e europea.
Os mozos e mozas que participarán no Mundial tiveron ademais a oportunidade de completar a súa preparación con sesións de formación impartidas polos bailaríns Karen e Ricardo, nove veces campións do mundo na modalidade de salsa.
Elena Candia trasladoulles o apoio de toda a cidade e destacou o orgullo que supón para Lugo contar con deportistas que representan á cidade nunha competición internacional destas características, ao tempo que lles desexou o maior dos éxitos nesta nova aventura deportiva.