O Teatro Colón acolle este venres a entrega de premios do XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña

Case 1.000 persoas de todas as idades, desde escolares a grupos senior de teatro, participaron no certame, no que se representaron 74 obras teatrais durante case catro meses.

O Teatro Colón da Coruña encherase este venres 12 de xuño para acoller, a partir das 20 horas, a gala de entrega de premios do XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña, coa asistencia do deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo.

O certame, organizado durante décadas polo IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña, pecha con éxito unha nova edición marcada pola elevada participación e pola consolidación desta iniciativa como unha das principais citas das artes escénicas non profesionais e escolares de Galicia.

Nesta edición representáronse un total de 74 obras teatrais, procedentes maioritariamente da provincia da Coruña, pero tamén doutras zonas de Galicia e de comunidades autónomas como Madrid e o País Vasco. Do total de propostas, 35 corresponderon á categoría afeccionada e 39 ás categorías escolares: 21 infantís, 14 cadetes e 4 benxamíns.

Ao longo dos últimos meses, as obras seleccionadas representáronse durante as fins de semana nas instalacións do IES Rosalía Mera, convertendo o centro nun punto de encontro para os afeccionados ao teatro da cidade e a provincia. O certame bateu este ano récord de participación, cun total de 947 persoas entre alumnado, docentes, actores, actrices, directores e equipos de apoio.

A gala deste venres servirá para recoñecer o traballo realizado polas compañías e centros educativos participantes e para poñer en valor o importante papel das artes escénicas como ferramenta educativa, cultural e de desenvolvemento persoal para persoas de todas as idades.

Durante o acto daranse a coñecer os galardóns das distintas categorías e entregarase o recoñecemento aos mellores montaxes, interpretacións e propostas escénicas desta XXVII edición do certame.

Comparte éste artículo
No hay comentarios