O Concello de Noia amplía ata este venres o prazo de inscrición para o I Campamento de Verán Xuvenil 

O Concello de Noia vén de ampliar ata este venres ás 23:59 horas o prazo de inscrición para o I Campamento de Verán Xuvenil, unha iniciativa pensada para ofrecer á mocidade unha experiencia inesquecible de convivencia, deporte, aventura e diversión no inicio do verán.

A ampliación do prazo responde ao interese xerado por esta actividade e permitirá que máis familias poidan organizar a súa participación. Ademais, desde o Concello lembran que aínda quedan prazas dispoñibles, polo que animan a todas as persoas interesadas a formalizar a súa inscrición antes de que remate o novo prazo.

Dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 17 anos, o campamento celebrarase do 27 de xuño ao 1 de xullo no Albergue Xuvenil de Arnela, en Porto do Son, cun programa completo de actividades e con pernocta, favorecendo a convivencia e a creación de novas amizades nun entorno natural privilexiado.

Durante cinco días, os participantes poderán desfrutar de propostas tan atractivas como padelsurfDiverJump Xuvenilrutas polas praias,actividades grupais, dinámicas de equipo e moitas outras sorpresas, combinando ocio, deporte e aprendizaxe nunha experiencia pensada para fomentar a autonomía, o compañeirismo e os hábitos de vida saudables.

O Concello de Noia aposta con esta iniciativa por ofrecer alternativas de lecer de calidade para a mocidade, creando espazos onde compartir experiencias, descubrir novas actividades e aproveitar o verán dunha forma activa e enriquecedora.

As inscricións poden realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Noia ou no Rexistro Municipal. Desde o Concello fan un chamamento ás familias para que non deixen pasar esta oportunidade, lembrando que as prazas son limitadas e continúan dispoñibles, polo que este venres ás 23:59 horas rematará  o prazo para participar nesta primeira edición do Campamento de Verán Xuvenil.

Comparte éste artículo
No hay comentarios