A UNED de Lugo analizará a situación das mulleres afganas baixo o réxime talibán na VII edición das Xornadas UNED Lugo Sen Fronteiras

A UNED de Lugo celebrará o vindeiro 11 de xuño de 2026 a sétima edición das Xornadas UNED Lugo Sen Fronteiras, unha iniciativa que pretende achegar á cidadanía diferentes realidades sociais, culturais e humanitarias desde unha perspectiva internacional e de defensa dos dereitos humanos.

Nesta edición, a protagonista será Afganistán e, en particular, a situación das mulleres afganas tras a chegada dos talibáns ao poder en 2021. Baixo o título “As mulleres afganas baixo o réxime talibán: da liberdade ao apartheid de xénero”, a xornada contará coa participación de Khadija Amin, xornalista e presentadora da televisión pública afgá ata a entrada dos talibáns en Kabul.

A actividade comezará ás 17:00 horas coa apertura institucional e a presentación da relatora e do seu libro Sin velo, a cargo de Ana Belén Traseira Pena, directora da UNED de Lugo, e José López Riopedre, doutor en Socioloxía, profesor titor con Venia Docendi da UNED Lugo e coordinador das xornadas.

A continuación, entre as 17:30 e as 20:00 horas, Khadija Amin ofrecerá unha conferencia na que abordará a evolución dos dereitos das mulleres en Afganistán, as restricións impostas polo réxime talibán e os desafíos actuais que afrontan millóns de mulleres e nenas no país.

A xornada concluirá cun acto de sinatura de exemplares de Sin velo, publicación na que a autora relata a súa experiencia persoal e profesional nun contexto marcado pola perda de dereitos e liberdades.

A actividade é gratuíta e aberta ao público, previa inscrición a través da plataforma de Extensión Universitaria da UNED.

Comparte éste artículo
No hay comentarios