Ambas administracións entregaron ducias de milleiros de euros en axudas ao clube da localidade.
A plataforma Arteixo Futuro sumouse hoxe ás queixas dun texto asinado por traballadores do clube de fútbol Atlético Arteixo ao respecto de incumprimentos no eido da normativa laboral, como sería o retraso no pago das nóminas durante varios meses, tal e como reflicte un comunicado publicado en redes sociais e do que se fixeron eco os medios de comunicación.
O think tank plantexa a intervención do Concello de Arteixo e da Deputación Provincial da Coruña, explicando que ambas administracións outorgaron nos últimos anos ducias de milleiros de euros en axudas públicas á equipa de fútbol, que segundo o Sistema Nacional de Publicidad de Subvenciones y Ayudas Públicas serían superiores aos 227.000€ no periodo 2022-2026.
Desta cantidade pouco máis de 8.600 corresponderían á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (Xunta de Galicia) a través de concesións que tamén se poden consultar de maneira sinxela a través da páxina web do SNPSAP.
Así, tendo en conta o importante soporte institucional, os poderes públicos quedan obrigados a garantir o correcto funcionamento das entidades deportivas que perciben estas axudas, sinalando que tanto familias como plantilla explican que as cotas de socios e outro tipo de ingresos seguiron funcionando en todo este tempo.
Ademáis Arteixo Futuro lembra que o campo que emprega o Atlético Arteixo nos partidos e adestramentos é de titularidade municipal, o que engade argumentos sobre a necesaria actuación do Goberno local para garantir a continuidade do clube, realizar avaliacións necesarias e defender ás persoas traballadoras que non estarían percibindo ingreso algún.
A denuncia pública prodúcese logo dunha temporada moi boa, onde o clube finalizou terceiro na táboa da 3ª RFEF logo dunha eliminatoria de ascenso na que caeu contra a S.D Compostela facendo un bo xogo e afortalando o compromiso profesional dos xogadores e demáis persoal contratado.
Qué é Arteixo Futuro?
Xurde como plataforma veciñal para plantexar ideas e propostas que permitan mellorar Arteixo e o conxunto dos seus núcleos habitados. Primeiro nunha contorna dixital, cunha comunidade de ducias de veciñas e veciños, tamén persoas traballadoras no municipio.