Culuca Cocina Bar instalará unha barra antes e despois do espectáculo.
Juan Carlos Valerón volverá á Coruña o vindeiro venres 10 de xullo para participar nunha nova edición do Depor Locura, o show creado e presentado polo cómico Roi da Costa.
Considerado unha das grandes lendas da historia do Real Club Deportivo, Valerón xogou 422 partidos coa camisola branquiazul, o que o converte no cuarto xogador da historia do club con máis encontros disputados. O mediapunta anotou 33 goles e repartiu 69 asistencias, sendo esta a súa gran especialidade.
O canario foi peza clave na conquista da Copa do Rei do 2002 ante o Real Madrid, no histórico Centenariazo, e tamén levantou dúas Supercopas de España. Ademais, liderou ao Deportivo durante os seus cinco anos consecutivos xogando a Champions League, onde alcanzou unhas históricas semifinais.
O espectáculo celebrarase o venres 10 de xullo no Fórum Metropolitano (Rúa Río de Monelos, 1), ás 20.30 horas. As entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com e terán un prezo de 15 euros, máis gastos de xestión. No caso de quedar aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán adquirir o propio día do evento no Fórum Metropolitano.
Antes do comezo, os asistentes poderán gozar da previa do acto desde as 19.00 grazas á barra instalada por Culuca Cocina Bar, promotor do evento. O servizo tamén estará dispoñible ao remate do espectáculo. Vipkel, Creedence Rock Bar, Mans do Mar e Álvaro Viandas colaboran igualmente para facer posible este evento.
Como é habitual, Depor Locura combinará humor, emoción e lembranzas da época dourada deportivista. O espectáculo contará cunha parte audiovisual, sorpresas e a participación do público, que tamén poderá compartir as súas anécdotas e vivencias seguindo o Dépor.
Coa presenza de Valerón, Depor Locura dá un novo salto de calidade ao reunir a unha das figuras máis queridas da historia deportivista e consolídase como o primeiro e único show temático en España dedicado integramente a un equipo de fútbol. Entre os convidados das anteriores edicións destacan Pandiani, Andrade, Capdevila, Lendoiro, Villares, Lucas Pérez, Rodrigo Vázquez ou Xosé Antonio Touriñán.