O Deportivo, como hai unha semana en Riazor, ante o Castellón, recibiu tres goles e igual que entón perdeu un partido fronte un rival ao que lle sobraron goles e que logrou os primeiros puntos da temporada lonxe do seu estadio. Carrera, perto do descanso, e Balda e Gorosabel, cando máis intenso era o dominio deportivista, sentenciaron a un equipo local que non puido superar a Fraga, o mellor dos visitantes, e que se mostrou frouxo en defensa.
Carrera marca á carreira
O Deportivo tiña un rival aparentemente sinxelo para seguir construíndo a historia do ascenso a Primeira División 2025/26. A R. Sociedad B, con rapaces pouco experimentados na categoría, mergullado na zona baixa da táboa e con cero puntos nas súas oito saídas, daba para argumentar o da sinxeleza do partido sen ironía.
O cadro herculino saíu coa quinta marcha. Quagliata, na primeira subida, limitou á zaga donostiarra ao provocar o primeiro cartón a Peru cando non pasaran sesenta segundos desde o asubío inicial.
Aínda que o primeiro disparo a porta foi visitante, cun xute de Astiazaran que voou por riba da trabe, a primeira ocasión clarísima foi de Peke. O canario, ben asociado a Quagliata, enfrontouse a Fraga, superouno pola esquerda e malia estar algo escorado, errou coa puntería ao excederse no disparo cruzado que lambeu o pau.
A iniciativa era galega, Mella tentouno desde fóra da área, pero Kita respondeu cun remate na área. Era a segunda vez que o central visitante impuña a súa forza na área local.
Ochieng mostrou a súa habelencia na área deportivista nun drible con saída dentro da área, pero o coiro non correu entre os paus.
O Deportivo, malia rebaixar a intensidade do seu dominio, estivo a piques de adiantarse nun centro de Mella. Soriano meteu a cabeza e Fraga, cunha man salvadora, evitou o gol.
Carrera, que recibira un cartón no minuto 34, compensouno con creces na seguinte acción. Era a primeira contra clara dos “txuri urdin”, en Riazor de laranxa, e tirou o desmarque pola esquerda. Astiazaran non demorou en darlle o pase en vantaxe para que correra cara á área e superara a Germán cun xute raso e cruzado.
O Deportivo non se deu reposto da mazada no resto do primeiro tempo. Incluso Ochieng, cun disparo contra o lateral externo da rede, foi quen máis perto estivo do gol nesa fase de partido negativa para o conxunto coruñés.
Recibir cando máis atacas
A primeira ocasión do segundo tempo foi axiña. Aos tres minutos, Peke entrou na área cunha vantaxe que perdeu ante o seu defensor. O extremo apurou o campo até o fondo, amagou sen ángulo de disparo, mediu o centro á cabeza de Stoichkov, pero o remate do andaluz foi chapado por Fraga.
A R. Sociedad B igualou a iniciativa e Hidalgo aumentou o potencial ofensivo do Deportivo coa entrada de Eddahchouri por Patiño, que marchou coa división de opinións da bancada.
O neerlandés activouse axiña. No seu primeiro minuto sobre o céspede enganchou unha volea frouxa anticipándose nun córner. Fraga detivo no centro.
No minuto 62, conducindo un balón até a frontal, tirou mellor, mais con idéntico infortunio. O Deportivo, malia as demoras de Germán nas saídas de xogada, enchufábase de novo. Fraga salvou outra vez aos visitantes coa man esquerda ao desviar un disparo potente de Mella, que entraba na área como unha bala logo da apertura de Soriano. Aínda fixo outra máis difícil, coa dereita, nunha cabezada de Quagliata coa que mandaba o balón á escuadra.
O partido non só se xogaba na área visitante, senón que moi perto da área “txuri urdin”. Hidalgo seguiu metendo máis madeira para alimentar a enerxía do ataque local, pero pouco despois deste movemento chegou outro golpe brutal. Balda, moi adiantado na súa posición, recibiu perto da área e mandou outro pelotazo ao que non respondeu Germán. O choque entraba no derradeiro cuarto de hora.
Tres minutos despois a zaga local volveu a mostrarse feble. Gorosabel recibiu na área, fintou a Comas, abriu o ángulo e bateu a Germán cun xute raso.
O prolongamento foi de catro minutos e segundos antes de iniciarse, Fraga sacou unha cabezada de Eddahchouri case na boca do gol. Non era o día dos atacantes locais, todo o contrario que o do meta donostiarra, convertido na figura do encontro.
O Deportivo caía por segundo partido consecutivo en Riazor e, como no anterior, contra o Castellón, recibindo tres goles. Unha mágoa non poder achegarse ao Santander, que errou, aínda que menos, empatando na casa contra o Leganés.
Os herculinos, que foron apupados cando rematou o encontro, fican á espera do que fagan o Almería e o Las Palmas, quen poden sacalo dos postos de ascenso directo, nos que está situado desde a xornada 13.
Ficha
SÁBADO 13/12/2025 (21,00) Campo: RIAZOR (19.459)
R.C.D. LA CORUÑA : 0 – R. SOCIEDAD F. B : 3 (0‑1)
CRÑ : Germán; Loureiro, Comas, Barcia, Quagliata (Luismi 72’); Mella (Rubén 82’), Patiño (Eddahchouri 56’), Soriano, José Ángel, Peke; Stoichkov (Mulattieri 72’). Tre. Antonio Hidalgo. (Banco: Eric Puerto (g); Quique Teijo; Samu; Noé; Gragera; Cristian Herrera).
SOC : Fraga; Garro, Peru (Calderón 80’), Kita, Balda; Astiazaran, Carbonell (Rodri 68’), Aguirre (Mariezkurrena 80’), Eceizabarrena (Gorosabel 72’) Carrera, Ochieng (Álex 68’). Tre. Ion Ansotegi. (Banco: Arana (g); Agote; Dani Díaz; Dadie; Ramírez; Osazuwa).
Goles: 0-1 Carrera 35’; 0-2 Balda 76’; 0-3 Gorosabel 79’.
Árbitro: De Ena Wolf (Aragón). Auxiliares: Porras Rico e Fernández Pérez. 4º árb.: Ruiz Álvarez.
VAR: De la Fuente Ramos. AVAR: Ávalos Barrera.
Disciplina: CA: Peru 1’; Carrera 34’; Balda 40’; Fraga 68’.