González Abelleira acusa a Candia de provocar un «bloqueo institucional sen precedentes» por non nomear os representantes municipais

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe a situación de bloqueo institucional provocada polo Goberno de Candia ao manter sen nomear, máis dun mes despois da moción de censura, a totalidade dos representantes municipais nos órganos colexiados nos que o Concello de Lugo ten presenza institucional.

González Abelleira cualificou a situación de “gravísima” e asegurou que evidencia unha preocupante falta de dilixencia por parte do actual Executivo local. “Estamos ante unha das mostras máis claras do desbordamento e da incapacidade de xestión que está a sufrir este Goberno. É incomprensible que, transcorrido máis dun mes desde a moción de censura, nin sequera se teña realizado un trámite tan básico e imprescindible para garantir o funcionamento ordinario da institución municipal”, afirmou.

A concelleira socialista lembrou que o problema ten consecuencias inmediatas. Neste sentido, advertiu de que o próximo luns está convocado o padroado ordinario da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo e o mércores o da Fundación Rof Codina. “Se durante esas sesións se sometese a votación algún acordo relevante, estariamos ante unha situación xurídica enormemente cuestionable pola ausencia dunha representación municipal debidamente designada. Estamos falando de cuestións que afectan directamente á seguridade xurídica e ao correcto funcionamento destas entidades”, explicou.

A portavoz adxunta considera especialmente preocupante que o Goberno local nin sequera solicitase formalmente aos distintos grupos municipais a designación dos seus representantes. “É un feito inaudito. Estamos ante unha obriga básica de organización institucional que corresponde impulsar á Xunta de Goberno Local e que Elena Candia simplemente ignorou. Ou non coñece o funcionamento dunha administración da dimensión do Concello de Lugo ou é incapaz de atender as súas responsabilidades máis elementais”, sinalou.

O bloqueo afecta actualmente a un amplo número de órganos de representación institucional. Entre eles figuran organismos doutras administracións como o Consello Territorial do Patrimonio Cultural de Galicia, o Consello Asesor dos Camiños de Santiago, a Comisión Provincial da Vivenda, a Comisión de Escolarización, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Comisión Galega de Protección Civil, a Comisión Provincial de Seguridade Cidadá, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ou o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisuais de Galicia.


A situación tamén afecta directamente ao ámbito educativo, onde continúan sen formalizarse as representacións municipais nos consellos escolares de máis de quince centros públicos de educación infantil e primaria, outros tantos centros de ensino secundario e formación profesional, así como en numerosos centros concertados e institucións educativas de referencia como a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio Profesional de Música ou o Conservatorio Profesional de Danza.


Do mesmo xeito, permanecen pendentes as designacións nas fundacións Feiras e Exposicións, San Calixto e Rof Codina, ademais doutros órganos de participación e control nos que o Concello ten responsabilidades directas de representación institucional.

Para González Abelleira, esta situación supón un ataque directo á capacidade do Concello para exercer a súa función como administración máis próxima á cidadanía. “Estamos falando de organismos relacionados coa educación, coa cultura, coa vivenda, coa seguridade cidadá, coa protección civil, coa cooperación internacional ou co desenvolvemento económico. O Concello non pode desaparecer destes espazos porque a alcaldesa sexa incapaz de cumprir coas súas obrigas organizativas”.

A edil socialista considera que esta nova situación confirma o estado de parálise que atravesa o actual Goberno municipal. “A cidadanía está comprobando cada día que a moción de censura non trouxo máis estabilidade nin mellor xestión. Trouxo atraso, improvisación e bloqueo. Estamos ante un Goberno incapaz de resolver asuntos tan básicos como a representación institucional do Concello”.

Finalmente, González Abelleira concluíu asegurando que este episodio evidencia de novo que Candia está moi lonxe de estar á altura do que necesita Lugo. “Cada día aparecen novas mostras da falta de preparación coa que se asumiu o Goberno municipal. O Concello non pode funcionar ao ritmo da improvisación permanente. A moción de censura foi profundamente daniña para os intereses dos lucenses e este bloqueo institucional é unha proba máis das súas consecuencias. Lugo merece un Goberno que coñeza a administración, que respecte as institucións e que traballe con rigor, non un Executivo instalado no caos organizativo”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios