Dumbría iniciou a conta atrás para a eclipse

oplus_256

O Concello de Dumbría celebrou onte, 11 de xuño, unha xornada formativa centrada na preparación para a eclipse solar que terá lugar en agosto. Esta xornada deu inicio á conta atrás para a eclipse, que viviremos en tan só 2 meses.

O alcalde do Concello de Dumbría, Raúl González foi quen deu a benvida ao público asistente explicando que o lugar proposto para vivir a eclipse no concello será o Miradoiro do Ézaro. Así mesmo, presentou ao divulgador científico Óscar Blanco, que foi o encargado de impartir a charla “ECLIPSE SOLAR. EXPERIENCIA ÚNICA?”. Coñecido no mundo do astroturismo como “cazador de eclipses” pois viviu 9 eclipses totais en todo o mundo.

Congregou a un numeroso público no Edificio Bitácora do Ézaro, poboación local, representantes políticos locais e doutros concellos da Costa da Morte, membros de Protección Civil de Dumbría, monitores Starlight, profesionais do sector turístico e afeccionados á fotografía. Foi unha sesión participativa que xirou arredor da eclipse, como se orixinan estes fenómenos, cales son as diferentes eclipses, a diferenza entre eclipse total e parcial e como gozar deste fenómeno astronómico único sen poñer en risco a seguridade ocular.
Óscar Blanco fixo fincapé na experiencia global da eclipse que non é só mirar ao ceo, senón gozar dos cambios na paisaxe, observar os cambios que vai experimentar a fauna, a baixada de temperatura, o cambio no vento, … A eclipse é moito máis ca lúa tapando ao sol. Así mesmo, tamén amosou métodos de observación indirecta para experimentar a eclipse en diferentes formatos e, sobre todo, métodos adaptados para público infantil.

Vivir unha eclipse solar total na nosa terra é unha experiencia única na vida, pois a última eclipse destas características no mesmo territorio foi en 1912.

Ao remate da sesión, a Asociación de Astroturismo da Costa da Morte fíxolle a entrega ao Concello de Dumbría de sete exemplares do Manual de Miradoiros de Astroturismo da Costa da Morte, impresos coa colaboración da Deputación da Coruña, para as cinco bibliotecas municipais e para o propio concello.

Comparte éste artículo
No hay comentarios