Os máis vendidos da novela histórica galega xuntos en Galgo Azul

As súas obras están entre as máis vendidas na literatura galega.

As voces de Carmen Sanjurjo e Rodrigo Costoya soarán xuntas este sábado 13 de xuño en Galgo Azul Espazo Cultural, na coruñesa zona da Agra do Orzán, moi preto da Praza das Conchiñas. Falarán sobre a literatura histórica en Galicia e sobre as súas últimas novelas. No caso de Carmen Sanjurjo, estreouse neste xénero con Gorrións e Falcóns, editada inicialmente en español, mais o éxito fixo que a súa editorial apostase por lanzar a versión en galego. A revolución Irmandiña merecía unha gran novela e Carmen conseguiu facer unha obra que seguramente vaise vender durante moitos anos.

Tras anos escribindo obras de teatro, Carmen deu este salto e a experiencia está sendo fantástica, con presentacións teatralizadas incluidas.

Rodrigo Costoya, ven de estar asinando exemplares durante tres días na Feira do libro de Madrid. As súas duas últimas obras están sumando edicións a un alto ritmo. Son O século do milagre e Fillos de Gael. As historias do autor compostelán, ao igual que as suas tres anteriores, teñen a Galicia e as súas conexións con todo o planeta como epicentro. Son miles xa os lectores que se enganchan as vivencias que narra este escritor vocacional, traballo que compatibiliza coa docencia nun instituto.

Dentro do programa de actividades FoliAgra das Letras, o Espazo Cultural Galgo Azul acollerá esta actividade o sábado 13 de xuño ás 19 horas con entrada de balde ata completar aforo. Os autores asinarán a quen o desexe exemplares das súas obras.

Comparte éste artículo
No hay comentarios