Aprobada ademais a tramitación de catro procedementos para a concesión da explotación de catro inmobles de titularidade provincial: o Náutico de Ponte do Sil, o Mazo de Santa Comba, o Náutico de Portomarín e a área recreativa Os Robles.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres luz verde á adxudicación, por 2,5M€, dun novo sistema informático para a xestión tributaria da institución provincial. Unha ferramenta que, en palabras da Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, “suporá un importante avance na modernización dos servizos que prestamos aos concellos e á cidadanía”.
“Falamos de algo que nos permitirá facer unha administración fiscal máis áxil, máis eficiente e máis próxima. Un sistema que dará cobertura aos concellos da provincia na xestión de impostos, taxas e outros ingresos públicos, facilitando os trámites tanto ás administracións locais como aos contribuíntes”, sinalou García Porto.
Resultou adxudicataria Gestión Tributaria Territorial SAU, que prestará este servizo durante os vindeiros catro anos. Nese sentido, explicou a Deputada que este sistema permitirá, entre outras vantaxes, reducir tempos de tramitación, impulsar a sede electrónica e ampliar as posibilidades de relación telemática coa Administración, sempre con plenas garantías de seguridade. Un sistema que incorporará melloras específicas para facilitar os plans personalizados de pagamento e contará cun módulo de atención telefónica pensado especialmente para aquelas persoas que teñen máis dificultades para utilizar medios dixitais.
Pilar García Porto asegurou que “estamos ante unha actuación que reforza a cooperación da Deputación cos concellos, mellora a calidade dos servizos públicos e facilita a relación entre a cidadanía e aAdministración, facendo que os trámites sexan máis sinxelos, máis rápidos e máis accesibles”.
Explotación de diferentes inmobles da Deputación
Esta Xunta de Goberno sacou tamén adiante a tramitación de catro procedementos para a concesión demanial da explotación de diferentes bens públicos que son titularidade da Deputación de Lugo: o Náutico de Ponte do Sil, o Mazo de Santa Comba, o Naútico de Portomarín, e a área recreativa dos Robles.
“Falamos de instalacións situadas en enclaves estratéxicos que poden actuar como motores de actividade económica, turística e de creación de emprego nos seus respectivos territorios”, valorou a responsable provincial. “Procesos de concorrencia pública cos que non buscamos unha rendibilidade económica senón social e turística. O funcionamento dos catro inmobles enriquece a oferta turística da provincia, o que terá un impacto positivo na economía e no emprego”, engadiu.
Detallou que a concesión destes espazos será por cinco anos, con posibilidade de tres prórrogas, ata un máximo de 10 anos. Os prezos mensuais que deberán abonar os adxudicatarios son: 339€ no caso do Náutico de Portomarín, 644,6€ para a área recreativa Os Robles, 468,8€ para o Mazo de Santa Comba, e 527,4 para o Náutico de Ponte do Sil.