A deputada Avia Veira participou hoxe na Coruña na presentación do festival, que se celebra na cidade herculina do 13 ao 20 de xuño.
A deputada Avia Veira participou hoxe na Coruña na presentación da 11ª edición do festival ‘DiversidArte’, que abordará a cuestión da diversidade a través da cultura, a música, o cine, a arte urbana e a participación cidadá dende mañá, 13 de xuño, ata o vindeiro día 20. Esta iniciativa, promovida pola Asociación Ponten100mos, conta con financiamento da Deputación.
Durante o acto de presentación, Veira subliñou a importancia de apoiar iniciativas que convertan o espazo público nun lugar de encontro fronte aos prexuízos e a intolerancia. O festival, que ofrece unha programación totalmente gratuíta, reunirá na cidade herculina a artistas profesionais, creadores emerxentes, entidades sociais e persoas con discapacidade.
Programación
A programación desta edición inclúe unha axenda de cinema social que coincidirá o próximo 18 de xuño co Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio. O Campo da Leña acollerá a proxección ao aire libre do ‘IX Concurso Internacional de Cine Social DiversimaCine’, que nesta ocasión recibiu preto de 700 curtametraxes de ficción de diversos países. O público asistente poderá votar polas súas obras favoritas nunha xornada que arrincará coa posta en escena de “Lola: Ni canta, ni baila, pero no se la pierdan”, unha emotiva traxicomedia sobre a vida de Lola Flores interpretada por Muna Duval cos músicos Carlos Manteiga e Antonio Arias.
A música e a moda inclusiva terán o seu protagonismo os días seguintes no mesmo espazo e noutros puntos da cidade. O venres 19 de xuño celebrarase o ‘DiversidArte Day’, unha xornada encabezada por Amparo Sánchez, líder de ‘Amparanoia’, quen presentará o seu novo traballo titulado Ritual Sonoro nun concerto especial no que estará acompañada pola ‘Banda DiversidArte’ e a ‘Sophie Simonds Band’.
Ese mesmo día actuará o grupo de mulleres de orixe caboverdiana ‘Batuko Tabanka’, procedentes de Burela, cuxo proxecto musical simboliza o empoderamento feminino e a integración. Como novidade, a Praza de Santa Catalina acollerá o ‘Desfile de Moda pola Diversidade’, unha pasarela aberta á cidadanía que conta coa implicación do comercio local e diversas entidades colaboradoras.
O broche final ao festival chegará o sábado 20 de xuño co ‘Freestyle People Day’, un evento dedicado á cultura urbana e á inclusión que contará coa participación de ‘MC Skone’, un dos grandes referentes internacionais do rap improvisado. O artista compartirá o escenario co grupo inclusivo ‘Freestyle People’, un proxecto pioneiro impulsado por Gallos del Norte e Poten100mos que acaba de ser recoñecido co Premio Recicla la Noche polo seu labor social. A xornada incluirá batallas positivas e un micrófono aberto para convidar a toda a cidadanía a expresarse e participar activamente nesta celebración da diversidade a través da arte.