O Celta Fortuna está a un empate da Segunda División

O Celta Fortuna aguantou a presión da Ponferradina e converteu a súa visita a El Toralín nun partido de escasas ocasións e moito control. O local Borja foi quen estivo máis perto do gol estragando tres ocasións, as dúas primeiras semellantes, xutando fóra dos centros ao segundo pau, e a última, facendo que Carrillo fixera a mellor parada da tarde cando o partido estaba no prolongamento.

O Celta Fortuna soporta o fútbol básico da Ponferradina

O Celta Fortuna saíu moi concentrado ao partido, sabedor que o comezo impulsivo da Ponferradina podería pasarlle factura. Fredy, que presentou o mesmo once que na volta contra o Europa, agás a entrada de Miller por Gavián, nunca perdeu a orde e foi deixando que o rival esgotara a súa forza deixando de ter presenza co balón.
Os galegos, a diferenza do At. Madrileño, non caeron nas provocacións dos locais, que en cada balón dividido deixaban marca na carne dos rapaces célticos. Un golpe de Koke nas costas de Marcos co xogo detido non non advertido polo árbitro, a diferenza da entrada durísima de Andoni López sobre Miller. Ambas accións foron exemplos significativos da rudeza do cadro leonés.
Antes xa fora sancionado Mehdi Nafti co cartón amarelo, cando quixo tensionar máis o partido cun protesto desproporcionado logo dunha falta clara dun dos seus pupilos.
A Ponferradina perdeu o tino. Keita corría na procura do nada, acompañando a un desaparecido Borja na punta.
Malia todo, ambos surxiron no xogo a partir dunha contra superada a media hora. O punta africano recolleu a pelota en posicións intermedias, obrigou cun pase profundo a que Calderón correra até o lateral da área, o extremo centrou a Borja, pero o 10 local, que chegaba na perpendicular ao segundo pau, errou estrepitosamente enviando o disparo fóra.
Respondeu o cadro fortunista cun disparo de Hugo González a 25 metros do marco. Prieto, ben situado no centro da área pequena, chapou a pelota lanzándose ao chan no minuto 34.
De aí até o descanso, Keita seguiu deixando mensaxes nas pernas dos xogadores fortunistas. Unha patada a altura da tibia de Anxo valeulle a advertencia arbitral; despois, o golpeo coa biqueira no calcañar de Antañón fixo que Domínguez Cervantes lle mostrara o cartón amarelo.

Atascar o centro

Nafti mudou o fútbol directo polo asociativo en corto nos primeiros compases do segundo acto. Desde xeito, a Ponferradina fixo dúas tentativas de achegamento pola banda dereita. A segunda, aos 49 minutos, foi máis nítida, cun centro raso desde a liña de fondo de Calderón que interceptou Carrillo para non dar opción de remate.
O Celta Fortuna perdeu as posicións momentaneamente e acabou pagándoo con dous cartóns. Fredy gastou a primeira reclamación por unha agresión de San Emeterio a Marín na que a man do cántabro na cara do punta celeste non tivo relevancia para o colexiado.
Tras a pausa pola revisión, Borja volveu a contar con outra ocasión inmellorable. Os locais penduraron un saque de banda á area, Calderón prolongou e Borja, de novo só na perpendicular do segundo pau, xutou fóra.
As substitucións mantiveron o debuxo dos contendentes. O Celta Fortuna mudou músculo por velocidade. O partido deixou máis espazos e Somuah, no minuto 78, probou desde lonxe cun xute centrado que atallou Prieto.
O mellor era que a Ponferradina seguía ser atopar solucións co balón, e mesmo debeu recuar durante varios minutos ante o control da pelota dos galegos cando o partido camiñaba ao minuto 90.
Mesmo así, a Ponferradina volveu contar con outra ocasión nunha acción de dúbidas de Carrillo. O meta non saíu con seguridade a un centro lateral desde tres cuartos, o coiro caeu nos pés de Cortés, cuxo tiro, co meta celeste descolocado, foi rexeitado por Meixús.
A prolongación foi de seis minutos e no segundo deles, Carrillo compensou o erro anterior cun desvío a unha cabezada de Borja, que buscou o gol picando desde o punto de penalti. A zaga afastou o perigo.

O sábado será unha data para a historia

O ascenso resolverase en Balaídos o próximo sábado (20/06/2026), a partir das 18,30. Un empate levaría o partido á prorroga que, de persistir, daría o primeiro ascenso do Celta Fortuna a categoría de Prata do fútbol español. Sería o primeiro equipo galego dependente en logralo e seguiría o ronsel do seu primeiro equipo e do veciño e desaparecido U. Sp. C. Lavadores, que militaron antes na categoría.

Ficha

SÁBADO 13/06/2026 (18,30) Campo: EL TORALÍN (8.062)
S.D. PONFERRADINA : 0 – R.C. CELTA FORTUNA : 0 (0-0)

PNF : Prieto; Koke (Jorrín 72’), Undabarrena, Germán, Andoni López; Calderón, Morán (Cortés 72’), San Emeterio (Mfulu 89’), Borja Vázquez; Keita (Slavy 72’), Borja. Tre. Mehdi Nafti. (Banco: Ángel (g); Barredo (g); Andújar; Moltenis; Kysil; Xemi; Frimpong; Pau Ferrer).
CEL : Carrillo; Ribes, Meixús, Anxo; Miller, Burcio, Antañón, Joel (Gavián 65’); Hugo González (De la Iglesia 87’), Marín (Somuah 65’), Marcos (Arcos 72’). Tre. Fredy. (Banco: Barone (g); Marcos González (g); Jaime Vázquez; Ndiaye; Capdevila; Luis Bilbao; Oliveras; Kibet).
Goles:
Árbitro: Domínguez Cervantes (Andalucía). Auxiliares: Rodríguez de Juan e González Roldán. 4º árb.: Velasco Arbaiza.
Disciplina: CA: Andoni López 25’; Keita 39’; Joel 53’; Burcio 56’; Borja Vázquez 70’; Borja 87’ / Mehdi Nafti (tre. PNF) 16’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios