A recente reflexión de Teresa Táboas nas páxinas de El País supón unha lufada de aire fresco e, ao tempo, un estimulante exercicio de actualización doutrinal para o nacionalismo galego. Baixo o suxestivo prisma da «escala» e a «utilidade», a vicepresidenta mundial dos profesionais da arquitectura e antiga conselleira co BNG (2005-2009) fuxiu acertadamente dos esencialismos estáticos para situar o debate do autogoberno no único terreo onde hoxe se xoga o futuro dos pobos: a eficacia na xestión transformadora da vida cotiá das persoas.
A tese de Táboas, que propón superar a rixidez do concepto tradicional de nación para artellar o poder político en base a escalas funcionais (local, galega, estatal e europea), non debe lerse como unha renuncia. Ben ao contrario: ha de se inserir con naturalidade na liña evolutiva da mellor tradición soberanista e historicista de Galicia. Dende o provincialismo decimonónico de Antolín Faraldo até o Estatuto de 1936, o galeguismo político sempre tivo unha pulsión radicalmente pragmática. Xa na Asemblea de Lugo de 1918, as Irmandades da Fala superaron o rexionalismo para esixir unha autonomía integral. Non o facían por puro afán identitario, senón porque entendían que a centralización madrileña era unha máquina de xerar atraso económico e caciquismo. O pacto confederal e a soberanía partillada latexaban xa no horizonte a medio prazo daquel Estatuto de Galicia de 1936 como reflicte Castelao no seu Sempre en Galiza.
É precisamente aí onde a proposta de «escalas» de Teresa Táboas conecta, de xeito inevitable, cos conceptos de cosoberanía e confederalismo. Porque cando Táboas defende que cada escala administrativa debe exercer as súas competencias sen subordinacións piramidais, está a impugnar o modelo autonómico do 78, esgotado polo absolutismo centralista do «capitalismo castizo» madrileño. O que a autora propón, aínda que use unha terminoloxía máis amábel para o taboleiro estatal, é unha auténtica arquitectura confederal. Na confederación, a soberanía non emana do centro cara á periferia mediante transferencias graciosas; emana do territorio, da nación galega, que decide libre e pactadamente que competencias comparte e cales xestiona en exclusiva.
Esta «escala galega» que debuxa Táboas require, por pura lóxica institucional, do principio de cosoberanía. A soberanía hoxe xa nun é un absoluto indivisÍbel; é a capacidade real e xurídica de decidir sobre os recursos estratéxicos. Non hai utilidade social sen soberanía fiscal -a Facenda de noso nun modelo de concerto- nin hai escala operativa se Madrid pode vetar as nosas leis sobre o litoral, o noso modelo eólico ou a xestión directa da AP-9.
O artigo de Teresa Táboas amosa que o soberanismo galego non é unha peza de museo, senón unha ferramenta de modernidade. Ao situar a utilidade pública e a gobernanza multinível no centro, a autora conecta co fío histórico que entende Galicia como un suxeito político soberano capaz de pactar de igual a igual. Unha Galicia que non quere ser máis ca ninguén, pero que non vai seguir a aceptar sermos menos.