Caión acolle a segunda quenda dos campamentos de verán municipais, con outros 50 participantes

A actividade, dirixida a nenos de entre 7 e 9 anos, comezou onte luns e rematarán o venres.

A segunda quenda do Campamento de Verán de Caión está en marcha desde onte luns coa participación de 50 nenos de entre 7 e 9 anos de idade. Ao longo desta semana, ata o venres, desenvolverán un programa de actividades adaptado á súa idade que combina propostas lúdicas, deportivas e educativas.

Cada día os participantes desprázanse ás 10:00 horas desde a Praza Les Sables d’Olonne ata Caión, onde ata as 18:00 horas realizan xogos na praia, sesións de surf, un obradoiro de personalización de camisetas e un taller de maxia. O programa complétase con dúas saídas: unha ao Aquapark de Cerceda e outra ao centro de turismo ecuestre O Ventoso, en Erboedo, no que os nenos se inician na equitación e desfrutan de actividades como a tirolina, o rocódromo, e o tiro con arco, entre outros xogos.

A xornada de clausura, prevista para o venres, incluirá unha festa con inchables, tobogáns de auga e animación musical pola mañá e unha festa da escuma pola tarde, coa que se porá o punto final ao campamento.

Os participantes recibiron a visita do tenente de alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e da concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Bello, que compartiron parte da xornada cos nenos e cos monitores.

Os campamentos de verán forman parte da programación que o Concello organiza durante o período estival, aproveitando as instalacións municipais e as posibilidades que ofrece a contorna de Caión para desenvolver actividades de carácter deportivo, recreativo e de convivencia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios