O PSdeG denuncia que a Xunta afronta o verán cos mesmos erros que fracasaron na prevención de incendios

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta levará o martes ao Pleno a política da Xunta contra os incendios forestais, nunha interpelación á conselleira do Medio Rural na que cuestionará que o Goberno galego siga afrontando cada campaña de alto risco con medidas provisionais, reforzos temporais e sen unha reforma estrutural do dispositivo.

O PSdeG considera que a Xunta chega de novo ao verán sen ter feito os deberes. Rodríguez Dacosta advirte de que o problema xa non está nunha contratación concreta nin nun reforzo puntual, senón nun modelo que “leva anos dando sinais de esgotamento” e que segue sen adaptarse á nova realidade dos incendios forestais.

“Galicia non pode entrar noutro verán no período de máximo risco coa mesma receita de sempre: parches, contratos de poucos meses e prevención a destempo”, sinalou a deputada socialista. “Se a Xunta recoñece que os incendios son máis rápidos, máis intensos e máis difíciles de controlar, o dispositivo non pode seguir funcionando como se nada cambiase”.

A parlamentaria socialista centrará o debate na falta de planificación estable, na dependencia crecente de reforzos extraordinarios e na ausencia dunha verdadeira reorganización dos medios en función do risco real de cada territorio. Para o PSdeG, a cuestión de fondo é clara: cando unha necesidade se repite ano tras ano, deixa de ser extraordinaria e pasa a ser unha carencia estrutural.

Rodríguez Dacosta tamén poñerá o foco na prevención. A socialista lembra que a Xunta leva anos defendendo que a loita contra o lume debe realizarse durante todo o ano, pero segue incorporando reforzos no momento no que Galicia xa entra na fase máis delicada da campaña. “A prevención non se improvisa cando xa estamos ás portas dos grandes incendios. Faise antes, con persoal estable, con medios suficientes e con coñecemento do territorio”, remarcou.

Acusa ao Goberno galego de repetir diagnósticos sen tomar decisións. Tras os grandes incendios de 2017, o Parlamento aprobou recomendacións que apuntaban á profesionalización, á estabilidade laboral, á formación continua, ao reforzo do persoal propio e a unha mellor distribución territorial dos medios. Sete anos despois, “Galicia continúa discutindo sobre vacantes, contratos temporais e reforzos excepcionais”.

“A Xunta non pode dicir que non sabía o que había que facer. Sabíao. Dixéronllo os expertos, aprobouno o Parlamento e confirmárono as sucesivas campañas de incendios. O que faltou foi vontade política para cambiar o modelo”, afirmou Rodríguez Dacosta.

A deputada socialista subliñou que este debate non é administrativo nin laboral, senón de seguridade pública. “Falamos da protección das persoas, das aldeas, das explotacións agrarias, das vivendas, do monte e tamén dos profesionais que se poñen diante do lume. Cando o dispositivo falla, as consecuencias non quedan nun expediente: págaas o territorio e págaas a xente”, advertiu.

Por iso, reclamará á conselleira explicacións sobre que cambios reais introduciu a Xunta tras as últimas campañas e se pensa seguir respondendo aos novos incendios con ferramentas vellas. “O lume cambiou. O que non cambiou é a política da Xunta. E esa é a responsabilidade que terá que explicar no Pleno”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios