O PP súmase á reivindicación dos veciños da Pobra do Brollón e urxe a PSOE e BNG “unha data concreta” para o arranxo da “intransitable” LU-P-4707

“É inconcibible o alarmante estado desta vía provincial chea de buratos, grava e pedras que impiden circular con normalidade” porque “incluso ten provocado picadas nas rodas e outros danos nos vehículos”, expón o portavoz provincial anunciando que presentarán preguntas e iniciativas ao respecto no vindeiro Pleno da Deputación sobre “as condicións e os materiais que empregarán para o seu arranxo”.

A estrada provincial LU-P-4707 ao seu paso pola Pobra do Brollón leva anos nun estado “intransitable” dificultando o acceso ás vivendas dos veciños e veciñas dos lugares de Saa, Lebrón, Teixeira, Covadelas, Forgas e A Veneira de Roques que sofren a diario picadas nas rodas ou outros danos nos seus vehículos.

Os populares consideran “inconcibible” esta situación polo que se suman ás reivindicacións dos veciños para esixir ao goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo “unha data concreta para o arranxo da totalidade desta vía” para “garantir a seguridade dos usuarios e favorecer o acceso ás vivendas nunhas condicións dignas”. Así, avanzan que trasladarán esta cuestión ao vindeiro Pleno provincial requirindo ao goberno de PSOE e BNG “aclarar en que condicións e que materiais se empregarán para o seu arranxo”.

O portavoz provincial, Antonio Ameijide, comprobou acompañado polo portavoz do PP local, Teddy López, representantes das comunidades de montes e veciños afectados o estado de “abandono” no que se atopa a vía de titularidade provincial chea de buratos, grava e pedras que impiden circular con normalidade aos vehículos. De feito, “moitos veciños que empregan esta estrada nas súas comunicacións diarias teñen sufrido incidentes nos seus vehículos e, incluso, os que teñen que empregala para acudir ao seu traballo a diario, optan xa por quedarse na Pobra de Brollón”.

NUMEROSAS RECLAMACIÓNS

Os propios veciños teñen presentado de xeito formal ante a institución provincial numerosas reclamacións e, incluso tamén, “dende o Partido Popular temos advertimos sobre o mal estado desta estrada en diversas ocasións. A última, no pasado verán pouco antes da data de celebración da tradicional Romaría do San Vitoiro. “Despois de que a situación saíra nos medios de comunicación, executouse unha pequena actuación provisional con zahorra; pero só ata o acceso de San Vitoiro, nada ata a Veneira de Roques”, segundo explican os veciños e veciñas.

O popular condena “o alarmante” mal estado desta vía provincial sobre a que xa tiñan prometido actuacións, pero que ata agora non chegaron a facerse realidade “mentres os veciños e veciñas sofren anos de abandono”.

Antonio Ameijide advirte que “nada cambiou na Deputación de Lugo” toda vez que “a nova presidenta continúa a desatender as necesidades que presentan as vías de competencia da Deputación despois de anos sen ningún tipo de mantemento nin intervención”. Neste caso, “cun deterioro alarmante” derivado do paso habitual de vehículos de gran tonelaxe.

O portavoz do PP local, Teddy López, pregúntase se o alcalde fixo algunha xestión para que o goberno provincial de PSOE e BNG acondicione as distintas estradas da Deputación en mal estado ao seu paso polo municipio.

APOIO DA MANCOMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS ‘CATRO CABALEIROS’

As reivindicacións dos veciños e veciñas da zona contan co apoio e solidariedade das cinco comunidades de montes en man común do municipio que forman parte da Mancomunidade de CMVMC Catro Cabaleiros unha das poucas agrupacións forestais de xestión conxunta en activo na provincia de Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios