O PP critica a obsesión de Tomé por seguir asfaltando rúas mentres seguen rompendo as tubaxes da rede de abastecemento

Katy Varela denuncia que onte volveu romper unha tubaxe da rede de abastecemento e esta mañá aínda había veciños sen auga.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte denuncian o que xa é “unha obsesión” de José Tomé con asfaltar rúas, xa que “ninguén pode entender que agora se empeñe en gastar outro millón de euros en aglomerar rúas cando onte mesmo houbo unha nova rotura na rede de abastecemento”.

A voceira popular de Monforte, Katy Varela, critica o anuncio de Tomé e indica que “o pouco diñeiro que queda nas arcas municipais destínao a asfaltar”. “Non é que non se decate, é que Tomé non se quere dar conta da necesidade que hai en Monforte de renovar a rede de abastecemento, pero empéñase en mirar cara outro lado”, denunciou.

Katy Varela recorda a petición realizada polo Grupo Municipal Popular no último pleno e convida ao alcalde a que “se non destina eses cartos a renovar a rede de abastecemento, repase as beirarrúas e zonas peonís que se atopan en mal estado”.

A previsión de José Tomé é destina ese millón de euros a asfaltar rúas que se asfaltaron recentemente, como en Ribasaltas. Pola contra “mentres realiza os anuncios de sempre, vemos como se produce unha nova rotura, nesta ocasión na rúa Reboredo, e hoxe a mañá aínda había moitos veciños de Monforte sen auga”.

Katy Varela afirma que “Tomé está sen ideas e sen proxecto para Monforte”, ao que engade que “hai ano e medio que anunciou o investimento de 10M€ do Goberno do Estado para a rede de abastecemento e non se sabe nada máis”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios