Un investigador do CICA lidera nova estratexia para combater infeccións bacterianas resistentes

O estudo da UDC identifica unha combinación de fármacos capaz de eliminar Staphylococcus aureus cando a bacteria se agocha no interior das células, un dos principais desafíos da resistencia antimicrobiana.

Álvaro Mourenza, investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña e do grupo EXPRELA do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), liderou un estudo internacional que identifica unha nova estratexia terapéutica para combater infeccións causadas por Staphylococcus aureus, unha das bacterias resistentes aos antibióticos de maior relevancia clínica a nivel mundial.

O traballo, publicado na revista científica MicrobiologyOpen, aborda un dos principais retos actuais na loita contra a resistencia antimicrobiana: a capacidade de determinadas bacterias para sobrevivir no interior das células do organismo. Este mecanismo permítelles escapar parcialmente da acción do sistema inmunitario e dos tratamentos antibióticos convencionais, favorecendo a persistencia da infección e aumentando o risco de recaídas.

Co obxectivo de identificar novas alternativas terapéuticas, o equipo investigador realizou un cribado de 6.297 compostos con actividade biolóxica coñecida. Este proceso permitiu identificar a molécula 5-fluoro-2’-deoxicitidina (5-FdC) como unha candidata prometedora para actuar contra infeccións intracelulares por S. aureus.

Os resultados máis destacados obtivéronse ao combinar este composto coa rifapentina, un antibiótico xa empregado na práctica clínica. A combinación mostrou un efecto sinérxico fronte a diferentes cepas da bacteria, incluídas variantes resistentes á meticilina (MRSA), consideradas pola Organización Mundial da Saúde entre os patóxenos prioritarios na investigación de novos tratamentos.

A eficacia da estratexia foi validada en distintos modelos experimentais. Ademais dos ensaios en cultivos celulares, os investigadores demostraron a súa actividade en modelos animais de infección, nos que observaron unha redución significativa da carga bacteriana sen evidencias de toxicidade nas condicións estudadas.

As análises moleculares realizadas durante o estudo permitiron comprobar que esta aproximación actúa simultaneamente sobre a bacteria e sobre determinados mecanismos celulares do hóspede. Este enfoque, coñecido como “host-pathogen dual targeting”, representa unha estratexia innovadora para o desenvolvemento de terapias máis eficaces fronte ás infeccións persistentes.

Segundo os autores, os resultados constitúen unha proba de concepto para a reutilización de fármacos xa coñecidos na loita contra a resistencia antimicrobiana, considerada pola Organización Mundial da Saúde unha das maiores ameazas para a saúde global nas próximas décadas.

O artigo conta coa participación de investigadores de distintas institucións nacionais e internacionais e está coordinado por Álvaro Mourenza e MichalLetek., que figuran como autores de correspondencia da publicación, reforzando o papel do CICA e da UDC no desenvolvemento de investigación biomédica de vangarda orientada á procura de novas solucións fronte ás infeccións resistentes aos antibióticos.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.  

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.  

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios