Néstor Rego: “Hoxe é un bo día mais é evidente que o Partido Popular non quere que se transfira a AP-9 á Galiza”

O deputado do BNG celebra o avance histórico da transferencia da AP-9 e acusa o PP de tentar frear unha demanda unánime da sociedade galega.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifica como un paso histórico a aprobación na Comisión do Congreso do ditame sobre a transferencia da AP-9 á Galiza, destacando que por vez primeira areivindicación social e política avalada en múltiples ocasións polo Parlamento Galegochega tan lonxe na súa tramitación.

“Hoxe é un bo día” afirma Rego durante a súa intervención, lembrando que “das 5 veces que foi aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza nunca chegou a este punto” e que en moitas ocasións a iniciativa foi “vetada polo PP, e mesmo, gardada nun caixón ou foi obxecto de continuas dilacións”.

Para o deputado nacionalista, o acordo acadado supón un avance decisivo porque “estamos máis preto do que a sociedade galega vén reclamando: transferir á Galiza unha infraestrutura destas características”.

Rego destaca o traballo de negociación desenvolto nos últimos meses e explicou que “hoxe abordamos a transferencia. A negociación e o proceso de diálogo fixo que chegásemos a unha solución transaccional”, unha proposta que, segundo sinalou, é “unha solución que cumpre todos os criterios aprobados pola unanimidade da cámaragalega”.

O deputado do BNG destaca que o texto acordado garante a “transferencia da titularidade da infraestrutura, das competencias na xestión” e que o “o Estado asume todas as consecuencias derivadas das decisións tomadas sobre a AP-9, incluídas as económicas”.

Ademais, fai especial fincapé nas garantías incorporadas respecto da posíbel anulación da prórroga da concesión aprobada polo Goberno do Partido Popular de Aznar. “Garantía absoluta de que, se se chega a producir a anulación da prórroga do PP como consecuencia de ter sido ilegal, quen deberá indemnizar a concesionaria será o Goberno do Estado” explica Rego. “Isto é a salvagarda absoluta” engade.

Néstor Rego lembra que “en 2020 o Partido Popular de Aznar aprobou unha prórroga” e reprochou aos populares a campaña emprendida contra o acordo acadado. “Por moito que queira mentir agora o Partido Popular” afirma, sinalando que a proposta aprobada permite abrir a negociación definitiva na Comisión Mixta de Transferencias.

Un Partido Popular culpábel que non quere a transferencia

Neste sentido, critica a posición adoptada polo PP tras o acordo alcanzado. “A proposta da marxe e recoñecer a Administración Galega a negociar na Comisión Mixta de Transferencias está admitindo a súa nula capacidade para negociar e defender os intereses da Galiza” asegura.

O deputado nacionalista denuncia que “despois de que se producira o acordo, o PP lanzou unha campaña masiva para xustificar o seu voto en contra”. Un comportamento que, segundo sinala, “non nos sorprende nada. No fondo é coherente porque foi o PP quen acordou a prórroga ilegal”.

Rego recorda tamén a responsabilidade histórica dos populares na situación actual da autoestrada. “Foi o PP quen privatizou a empresa pública que se encargaba da concesión da Autoestrada. Foi Ana Pastor quen acordou un convenio que obriga subir no ano 2013 1% nas tarifas”, indicou.

Así mesmo, acusou o Partido Popular de bloquear reiteradamente a transferencia da AP-9. “Porque foi o PP quen vetou dúas veces neste Congreso o debate da Proposición de Lei para a transferencia da AP-9” e “mesmo na última ocasión presentou unha ducia de emendas co obxectivo de impedir que se tramitase”.

Por todo iso, Rego conclúe que “é evidente que o Partido Popular non quere que se transfira a AP-9 á Galiza”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios