A Laracha. A praia de Caión volve lucir a Bandeira Azul

O distintivo ondea desde hoxe no areal tralo izado a cargo do alcalde, José Manuel López Varela.

A praia de Caión volverá lucir un verán máis a Bandeira Azul, o recoñecemento internacional que distingue aos areais que destacan pola excelencia da calidade das augas, servizos, seguridade, accesibilidade e o compromiso coa protección do medio ambiente.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, protagonizou este mediodía o acto de izado da bandeira acompañado polo equipo de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios que xa presta servizo no areal, e polos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito -responsable da área de Medio Ambiente-, Patricia Bello -responsable da área de Turismo- e Alberto Blanco. 

A Bandeira Azul constitúe un dos principais selos de calidade do litoral e supón un recoñecemento ao esforzo municipal para garantir que a praia de Caión continúe ofrecendo as mellores condicións tanto para os veciños como para os visitantes.

A renovación deste distintivo implica a plena operatividade dos servizos e equipamentos da praia, incluíndo os aseos e o dispositivo de seguridade. O servizo de salvamento e socorrismo activouse no día de onte e continuará prestándose diariamente ata o 15 de setembro en horario de 12:00 a 20:00 horas. O operativo está integrado por oito efectivos e é prestado pola empresa Top Rescue. O Concello asume integramente con fondos propios municipais o custo do servizo, que ascende a 68.000 euros.

Ademais da Bandeira Azul da praia de Caión, o municipio mantén outros dous recoñecementos concedidos pola Fundación Europea de Educación Ambiental: o distintivo de Centro Azul para o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar e o Sendeiro Azul para o Sendeiro de Saldoiro, consolidando así a súa aposta pola conservación, a divulgación ambiental e a posta en valor dos recursos naturais do municipio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios