As xornadas terán lugar entre os días 18 e 20 de outubro e suporán unha cita ineludible no ámbito da contratación do sector público a nivel estatal
O salón de graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves, día 21 de setembro, ás 12:00 horas a presentación do V Congreso Nacional do Observatorio de Contratación Pública, que terá lugar entre os días 18 e 20 de outubro na Reitoría.
O acto contará coa intervención de José María Gimeno Feliu, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza e codirector do Observatorio de Contratación Pública; e Jaime Rodríguez-Arana Muñoz, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e director do Grupo de Investigación en Dereito Público Global.
Ambos expertos presentarán os contidos do congreso, que suporá unha das citas máis importantes no ámbito da xestión pública e empresarial. Esta rama do Dereito conta cun importante impacto económico, posto que a compra pública representa máis do 11% do PIB e máis do 22% do total do gasto público en España.
O evento está organizado polo Observatorio de Contratación Pública, que dirixen José María Gimeno e José Antonio Moreno, xunto co Grupo de investigación da UDC dirixido por Jaime Rodríguez-Arana.
Durante estas xornadas, que contarán coa participación do reitor Julio Abalde, a Universidade da Coruña converterase en punto de encontro nacional dos principais especialistas que traballan en contratación do sector público, tanto académicos como profesionais do ámbito da xestión pública e privada.
Ao longo dos tres días que dura o evento haberá dez mesas de traballo nas que se tratarán, entre outros temas, a prevención da corrupción e a rendición de contas, a xestión contractual dos servizos públicos locais, a transformación dixital na contratación pública ou a eficiencia e busca da sustentabilidade e a circularidade a través dos contratos públicos.
Máis información na páxina web do congreso.