Penas defende a contratación pública como un “motor económico” e sitúaa como unha ferramenta “de equilibrios”

O deputado de Contratación clausurou esta tarde o III Congreso de Contratación Pública da Deputación da Coruña, consolidado como un foro de referencia estatal baixo o lema ‘A contratación pública ao servizo da sociedade’.

O deputado de Contratación, Xosé Penas, participou hoxe na clausura do III Congreso de Contratación Pública que organiza a Deputación, na que se reuniron especialistas de todo o Estado referentes a esta materia. Penas puxo en valor a contratación pública como un “motor económico”, argumentando a súa postura en que este eido supón entre o 10 e o 15% do PIB do país. “É a ferramenta que ten o sector público para dinamizar o mercado”, resumiu.

Penas incidiu en que a contratación pública debe fuxir do estereotipo de ser un proceso “aburrido ou mesmo de frikies”. Reivindicou que o foro naceu para dar voz e conectar a todos os axentes que interactúan no que denominou «o círculo da contratación»: a administración, a empresa e a política.

Neste senso, o responsable provincial lamentou as noticias negativas de quen a entende como «unha ferramenta ao servizo de poucos». Fronte a isto, defendeu que o verdadeiro obxectivo debe ser consolidala como un mecanismo «de control, de xestión, de solidariedade, de economía social, de igualdade e, en definitiva, de equilibrios».

O deputado avogou por unha colaboración público-privada transparente que xere emprego de calidade, estabilidade e riqueza. Así mesmo, aproveitou o acto para agradecer o «inmenso traballo» e a calidade humana das máis de vinte persoas (na súa maioría mulleres) que forman o servizo de contratación da Deputación, encabezado por Beatriz Méndez.

Éxito de participación estatal

Baixo o lema ‘A contratación pública ao servizo da sociedade’, o encontro consolidouse como un foro estratéxico en España coa participación de 31 relatores e expertos do máximo nivel. O congreso logrou reunir a representantes de 6 administracións locais da provincia e 3 autonómicas; órganos de control e do Estado como o Parlamento de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, a Avogacía do Estado o Banco de España ou a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia; así como 8 universidades de todo o país e destacadas federacións empresariais e 5 empresas privadas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios