O profesorado do sur da provincia de Pontevedra pecha esta semana o seu particular calendario de resistencia: o martes 16 de xuño marca o fin dos Martes en Loita, 16 semanas consecutivas nas que docentes de decenas de centros educativos, de Morrazo, Pontevedra, Redondela, Val Miñor ou Vigo, saíron ás portas dos seus institutos e colexios coas camisetas da loita para denunciar que as condicións actuais do ensino público en Galicia fan imposible garantir unha educación de calidade.
Pero este último martes non foi un remate calquera. Os centros pecháronse máis reivindicativos ca nunca, cunha mensaxe clara á consellería: remata o curso, mais a loita non remata. O profesorado concentrouse á entrada e á saída para recordarlle ás familias os motivos da loita, fixo caceroladas ou encheu a xornada de actividades para implicar o alumnado, porque a defensa do ensino público é cousa de toda a comunidade educativa.
No CPI do Toural (Vilaboa) non deixaron de reivindicar nas súas actividades e celebracións de final de curso
Familias, docentes e alumnado á saída do IES Do Castro despois da lectura dun manifesto (Vigo)
«Requiem polo ensino público»: o IES As Barxas (Moaña) advirte do que está en xogo.
Pandeiretas e coplas no recreo converteron o patio nunha foliada reivindicativa no IES Álvaro Cunqueiro (Vigo)
Urnas para que o alumnado exprese o seu apoio ás mobilizacións do profesorado, no IES Monte Carrasco (Cangas)
Ao longo de todo o curso, semana tras semana, os Martes en Loit@ estendéronse por máis de corenta centros de toda a xeografía galega, tal e como recolle a galería de imaxes de Asembleas Abertas do Ensino Público (asembleasensino.gal/galeria e Instagram: @asembleasensino). Institutos, colexios e centros de formación profesional participaron de forma constante nesta iniciativa: o IES Val Miñor, o IES Val do Tea, o IES San Paio, o CEIP San Roque de Darbo, o CEIP Bergantiños, o CPI O Toural ou o CIFP Ánxel Casal, entre moitos outros, fixeron dos martes un símbolo de resistencia colectiva semana tras semana.
Este peche de curso chega tras un ano de mobilizacións sen precedentes. O profesorado galego secundou 6 xornadas de folga, todas elas cunha participación alta en comparación con outros cursos. A última, especialmente significativa, foi a que máis persoas mobilizou nas rúas de Santiago de Compostela, nunha mostra de que a fartura pode co cansazo e de que a loita medra en vez de minguar. Ademais das folgas, en febreiro producíronse mobilizacións conxuntas con familias e alumnado no sur da provincia de Pontevedra; en maio ese modelo estendeuse a toda Galicia, con concentracións en máis de vinte cidades e vilas.
Mércores 17 de xuño: Tarde de Loita ao carón da Xunta
A este último martes en loita temos que sumarlle unha nova mobilización este final de curso. O mércores 17 de xuño, pola tarde, celebrouse unha Tarde de Loita ao carón do edificio da Xunta de Galicia, con lectura de manifesto e foliada. O profesorado deixa así claro que o verán non é unha tregua: a loita continúa.
O profesorado manda así unha mensaxe inequívoca: mentres a Xunta non aborde as condicións reais do ensino público: recursos, ratios, burocracia e condicións laborais, a volta ao cole en setembro chegará coas mesmas camisetas e reivindicacións.