A República feminista e o anarquismo toman a palabra nas Xornadas de Memoria en Celanova

As III Xornadas Memoria e Muller. Lembranza de María Cabaco, que se celebrarán os días 27 e 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, co patrocinio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, contarán con Lola Varela, profesora e investigadora, implicada no movemento feminista desde os anos setenta, que ten investigado a represión exercida polo franquismo contra as mulleres e nesta edición abrirá as palestras cunha conferencia sobre as conquistas das mulleres durante a II República: os avances que o golpe de Estado de 1936 truncou de raíz para as mulleres galegas e do conxunto do Estado.

Tamara López Fernández, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo HISTAGRA, tratará na súa conferencia sobre a represión de xénero durante a ditadura. Tamara López é autora de traballos como Violencia sexual, violencia institucional: as agresións e abusos sexuais a través da xustiza ordinaria no franquismo e Fuera de toda moral: la prostitución en tiempos de Franco, entre outros.

Xunto a Lola e Tamara, as palestras da mañá completaraas Domingo Rodríguez Teijeiro, profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, e un dos principais expertos no sistema carcerario franquista.

Presentación de “Mulleres Libertarias na Galiza, 1981-1976”. A continuación terá lugar a presentación do ensaio Mulleres Libertarias na Galiza (1891-1976) (Editorial Imperdible), de Dionísio Pereira e Eliseo Fernández, que levan máis de dúas décadas investigando o movemento libertario galego. Xuntos publicaron, entre outras obras, O anarquismo na Galiza (Edicións Positivas, 2004) e O movemento libertario en Galiza (1936-1976) (A Nosa Terra, 2006).

No seu último ensaio, con prólogo de Carmen Blanco, amplían e revisan os traballos sobre a participación das mulleres no movemento obreiro e anarquista galego, desde os seus inicios até a transición, e a brutal represión que sufriron tras o golpe de 1936: de entre un mínimo de 950 cadros cenetistas e anarquistas represaliados, cando menos 110 eran mulleres.

PROGRAMA

O sábado 27 de xuño arrancará ás 10.30 h. coa presentación das xornadas. A continuación, entre as 10.45 e as 13.00 h., sucederanse as palestras de Lola Varela, Domingo Rodríguez Teijeiro e Tamara López. Ás 13.00 h., Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentarán Mulleres Libertarias na Galiza.

Pola tarde, ás 16.15 h., a xornalista Nuria López moderará a mesa redonda con familiares de presas e mestras vítimas da represión franquista na comarca e coa historiadora Rosa Cid Galante.

O domingo 28 de xuño, ás 11.00 h., Aurora Marco presentará o ensaio María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo (Alvarellos Editora).

O acto de clausura terá lugar ás 12.30 h. coa inauguración da exposición Presas e Mestras. A represión das mulleres na comarca de Celanova, comisariada por Rosa Cid e amadriñada por Aurora Marco, que reúne testemuños, documentos e historias de vida das mulleres represaliadas no territorio e itinerará polos concellos e centros de ensino da comarca durante 2026 e 2027.

Comparte éste artículo
No hay comentarios