AGACA e Nós, as Mulleres reclaman que o illamento e a falta de recursos non dificulten a protección fronte á violencia machista no rural

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ambas as asociacións reivindican unha atención accesible en todo o territorio e destacan o papel do cooperativismo na sensibilización e na promoción da igualdade.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e a Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias Nós, as Mulleres reclaman que as mulleres que sofren violencia machista poidan acceder aos recursos de atención e protección con independencia do lugar no que vivan.

Coincidindo coa conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ambas as entidades manifestan o seu rexeitamento a todas as formas de violencia machista e advirten da necesidade de ter en conta as dificultades específicas que poden atopar as vítimas no medio rural.

A dispersión xeográfica, a distancia aos servizos especializados, a falta de transporte público, o illamento e o medo á exposición social poden dificultar a procura de axuda. Son obstáculos identificados no estudo Mujeres víctimas de violencia de género en el mundo rural, publicado polo Ministerio de Igualdade en 2020.

Atención e protección en todo o territorio

AGACA e Nós, as Mulleres consideran necesario reforzar a accesibilidade dos recursos de atención psicolóxica, xurídica, social e económica, así como garantir unha adecuada coordinación entre os servizos públicos e as entidades que traballan no territorio.

As asociacións reivindican tamén medidas que favorezan a autonomía económica das mulleres, mediante o acceso ao emprego, á formación, á protección social e ao recoñecemento dos seus dereitos. Contar con recursos propios e capacidade de decisión é fundamental para poder desenvolver un proxecto de vida independente.

O compromiso das cooperativas

Pola súa presenza nas comunidades rurais e a súa proximidade ás persoas socias, as cooperativas agroalimentarias poden desempeñar un papel relevante na sensibilización, na difusión de información sobre os recursos dispoñibles e na promoción de relacións baseadas na igualdade e no respecto.

Neste sentido, AGACA e Nós, as Mulleres convidan ás cooperativas a sumarse á campaña «Ningunha muller soa. Tampouco no rural», compartindo as mensaxes de sensibilización e contribuíndo a que a información chegue ao maior número posible de persoas.

Ambas as asociacións reivindican un medio rural no que ningunha muller teña que elixir entre a súa seguridade e o seu arraigamento e no que todas poidan vivir con liberdade, seguridade e autonomía.

Recursos de atención

As mulleres que sofren violencia e as persoas da súa contorna poden contactar cos seguintes servizos:

  • 016: información e atención especializada fronte á violencia contra as mulleres.
  • 600 000 016: WhatsApp.
  • 900 400 273: Teléfono da Muller da Xunta de Galicia, gratuíto e anónimo, 24
    horas.
  • 112: emerxencias.

Ningunha muller soa. Tampouco no rural.

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Ningunha muller soa. Tampouco no rural.

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e a Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias, Nós, as Mulleres manifestamos o noso rexeitamento a todas as formas de violencia machista e reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade na que todas as mulleres poidan vivir libres e sen medo.

A violencia contra as mulleres é unha vulneración dos dereitos humanos que pode afectar a calquera muller, con independencia da súa idade, situación social ou lugar de residencia. Pero vivir no rural pode facer aínda máis difícil pedir axuda, denunciar ou, simplemente, atopar unha saída.

As distancias, a dispersión da poboación, a falta de transporte público ou a menor proximidade aos servizos especializados son dificultades reais. A elas súmase, en contornas pequenas onde todo o mundo se coñece, o medo a ser sinalada ou a que non se respecte a intimidade. O lugar no que vive unha muller non pode condicionar a atención e a protección que recibe.

Por iso reclamamos que os recursos de prevención, atención e protección cheguen tamén ás aldeas e ás localidades máis pequenas. Fan falta servizos próximos e accesibles, atención especializada e confidencial e unha boa coordinación entre as administracións e as entidades presentes no territorio.

Hai outra cuestión que consideramos esencial: a autonomía económica. Ter ingresos propios, un emprego, protección social e capacidade para tomar decisións sobre a propia vida pode ser determinante para unha muller que necesita saír dunha situación de violencia. Favorecer a participación laboral e social das mulleres rurais e garantir os seus dereitos é tamén unha forma de prevención.

Desde AGACA e Nós, as Mulleres coñecemos de preto a realidade das mulleres vinculadas ao medio rural e ao cooperativismo agroalimentario. As cooperativas forman parte da vida diaria de moitas comunidades: son lugares de traballo, de encontro e de participación. Esa proximidade tamén nos dá unha responsabilidade. Podemos contribuír a detectar desigualdades, non normalizar comportamentos machistas e facer chegar información sobre os recursos de apoio alí onde pode ser necesaria.

A violencia machista non é un problema privado. A súa erradicación require a implicación de toda a sociedade. Non chega con condenar os casos máis graves. É necesario non mirar para outro lado, cuestionar os comportamentos que perpetúan a desigualdade e educar no respecto e na liberdade.

Por todo iso, desde AGACA e Nós, as Mulleres:

  • Reclamamos que todas as mulleres que sofren violencia machista poidan acceder a atención especializada, tamén nas localidades máis pequenas e afastadas.
  • Defendemos uns servizos públicos e recursos de atención psicolóxica, xurídica, social e económica capaces de responder ás necesidades das mulleres e dos seus fillos e fillas.
  • Reivindicamos a autonomía económica das mulleres rurais, con oportunidades de emprego, formación e participación en igualdade.
  • Apostamos pola educación e a sensibilización para previr a violencia e evitar que comportamentos e desigualdades se acepten como normais.
  • Asumimos, como parte do cooperativismo agroalimentario, a responsabilidade de contribuír a construír comunidades rurais máis iguais e seguras.
    Neste 25 de novembro lembramos as mulleres ás que a violencia machista lles arrebatou a vida e expresamos o noso apoio a quen a sofre, ás súas familias e ás persoas que están ao seu lado.
    Queremos un rural no que vivir nunha aldea ou lonxe dun núcleo urbano non signifique ter menos recursos nin menos posibilidades de pedir axuda. Un rural no que ningunha muller teña que escoller entre a súa seguridade e o seu arraigamento.
    NINGUNHA MULLER SOA. TAMPOUCO NO RURAL.
    Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias AGACA
    Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias NÓS, AS MULLERES
Comparte éste artículo
No hay comentarios