A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, entregou hoxe en man á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María José Allegue, a documentación aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 15 de xuño para solicitar a declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Milagrosa e do barrio Feijóo.
A proposta do Concello de Lugo abrangue 27 rúas destes barrios e constitúe un paso decisivo para que Lugo poida acceder ás futuras liñas de financiamento destinadas á rehabilitación residencial previstas no Plan Estatal de Vivenda 2026-2030.
A entrega persoal da documentación permitiu manter unha reunión de traballo coa conselleira para coordinar a tramitación da solicitude e avanzar nos seguintes pasos dun proxecto estratéxico para a cidade. Durante o encontro, Elena Candia agradeceu a disposición e colaboración da Xunta de Galicia
Agora correspóndelle á administración autonómica revisar a documentación presentada e continuar coa tramitación necesaria para resolver a solicitude formulada polo Concello.
De forma paralela, e co obxectivo de gañar tempo e aproveitar todas as oportunidades de financiamento, dende o Concello xa se traballa na preparación das futuras bases reguladoras e dos mecanismos de xestión necesarios para que Lugo estea en disposición de activar as convocatorias tan pronto como se concreten os fondos previstos para estas actuacións.
A previsión municipal pasa tamén pola creación dunha oficina de información e asesoramento no barrio da Milagrosa para acompañar aos veciños durante todo o proceso e facilitar a tramitación das futuras solicitudes.
O ámbito proposto permitiría mobilizar un investimento estimado de máis de 13,6 millóns de euros para actuacións de rehabilitación, mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade e conservación de edificios e vivendas. As futuras axudas poderían situarse entre os 34.000 e os 50.500 euros por vivenda, en función das actuacións realizadas e das condicións que se establezan nas convocatorias que se desenvolvan ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda.
Con esta iniciativa, o Goberno local continúa avanzando nunha das súas prioridades en materia de vivenda: impulsar a rehabilitación dos barrios, mellorar o parque residencial existente e facilitar o acceso dos lucenses ás axudas públicas destinadas á renovación das súas vivendas.
Deste xeito, Lugo adianta traballo para estar preparado desde o primeiro momento e poder optar aos fondos tan pronto como se active a súa distribución entre as comunidades autónomas, co obxectivo de que os veciños poidan beneficiarse destas axudas no menor prazo posible