O Concello de Lugo participou este xoves na xuntanza promovida pola Deputación Provincial para abordar o proxecto de ampliación do Pazo dos Deportes. A pesar de que todas as institucións asistentes coincidiron na necesidade de avanzar nesta infraestrutura, o Goberno local supeditou a concreción do plan á definición dos compromisos financeiros de cada administración.
O Executivo municipal valora como un bo punto de partida a boa vontade amosada durante a xuntanza. Con todo, sinala a importancia de clarificar o mapa de cofinanciamento antes de pechar o proxecto técnico.
Cuestionan a ausencia do Consello Superior de Deportes
Desde o Concello lamentouse a ausencia do Consello Superior de Deportes (CSD). Ao non contar coa representación do organismo do Goberno de España, impedriuse determinar cal será a súa aportación económica nunha obra desta envergadura para a cidade.
A rexedora de Lugo, Elena Candia, recalcou que este feito non debe romper o clima de colaboración institucional, aínda que insistiu na necesidade de contar con datos claros: «Esta cuestión non debe prexudicar o bo clima institucional da reunión nin a vontade de traballar conxuntamente, pero é imprescindible contar con toda a información e garantías para poder avanzar.«
Garantía para a actividade dos clubs sen opcións alternativas
Xunto ao aspecto orzamentario, o Concello fixou como condición irrenunciable que o desenvolvemento das obras sexa compatible cos adestramentos e partidos dos equipos que utilizan habitualmente a instalación.
Dado que a cidade non dispón hoxe dun recinto alternativo coa capacidade necesaria para acoller a competición oficial destes clubs, a planificación dos traballos deberá asegurar a continuidade da súa actividade deportiva sen interrupcións.