O BNG de Lugo lembra que a reparación da Ponte Romana xa estaba prevista polo anterior Goberno municipal

O BNG de Lugo sinalou que a reparación definitiva das pilastras e dos tallamares da Ponte Romana formaba parte da planificación de actuacións preparada pola Concellería de Infraestructuras do anterior Goberno municipal, que prevía executar a intervención durante este verán, tras realizar unha serie de modificacións no proxecto orixinal para garantir que estes traballos se realicen «coidando tanto tanto a Ponte como a contorna natural», explicou o edil Alexandre Penas.

Tras as crecidas do río Miño e os danos ocasionados polo arrastre de árbores e materiais, o Goberno municipal encargara un informe técnico especializado que concluía que a restauración definitiva debía executarse “no momento no que se dan as condicións máis axeitadas para desenvolver uns traballos de gran complexidade técnica”, incidiu.

“No anterior Goberno municipal actuamos con responsabilidade, executando unha intervención de urxencia para frear a degradación da estrutura e deixando planificada a restauración definitiva para este verán, tal e como recomendaban os informes técnicos”, sinalou Alexandre Penas.

O edil nacionalista lembrou que a Ponte Romana constitúe un dos principais elementos patrimoniais da cidade de Lugo, cun elevado nivel de protección ao formar parte do Camiño de Santiago, estar declarada Ben de Interese Cultural e situarse nun espazo integrado na Rede Natura 2000.

“A conservación da Ponte Romana esixe planificación, rigor técnico e continuidade no traballo institucional. Por iso deixamos preparados os pasos necesarios para acometer esta actuación no momento máis adecuado desde o punto de vista construtivo e ambiental”, afirmou Penas.

Desde o BNG de Lugo subliñan que a protección e conservación do patrimonio histórico da cidade foi unha prioridade durante a súa etapa no Goberno municipal e reiteran a necesidade de continuar desenvolvendo actuacións que garantan o bo estado dun dos símbolos máis representativos de Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios