Antonio Ameijide sinala que Carmela López non pode alegar descoñecemento xa que desde o Concello de Baleira remitiuse un escrito á Deputación detallando o estado das principais deficiencias detectadas para que se corrixan canto antes.
Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron un encontro de traballo co alcalde de Baleira , Ángel Martínez, así como con concelleiros do PP para coñecer as principais reivindiacións do Concello coa Deputación, sendo a “nefasta” situación da rede viaria provincial a principal necesidade a solucionar.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que “como noutros 65 concellos da provincia, Baleira tamén sofre a falta de mantemento e o abandono de PSOE e BNG” ás estradas da Deputación, “sendo moitas delas moi perigosas dato a situación que presentan”.
Ante esta situación, dende o Concello de Baleira remitiuse un escrito ao goberno provincial alertando de que “diversas estradas de titularidade da Deputación Provincial de Lugo ao seu paso polo termo municipal de Baleira presentan un estado de conservación deficiente, con deterioracións no firme, fochancas, desgaste da capa de rodadura, deficiencias no drenaxe e outras incidencias que afectan á seguridade viaria”.
Para os veciños de Baleira “estas vías constitúen infraestruturas fundamentais para a mobilidade, o acceso ás explotacións agrogandeiras, aos núcleos de poboación e aos distintos servizos existentes, polo que resulta necesario actuar sobre elas para garantir unhas condicións adecuadas de circulación”.
Unha das estradas que maiores danos presenta é a LU-P-0401, que comunica con Corveira, Xestoso, Córneas, Alto de Restelo, Vilagarcía e Ponte en Córneas e que “presenta deficiencias moi importantes, ata o punto de que os coches non poden esquivar os buratos de grandes dimensións existentes, que provocan que rocen a parte inferior dos vehículos contra o firme”.
Unha situación que está a xerar “numerosas queixas” por parte dos veciños e que o Concello de Baleira recibe de maneira constante.
Outras estradas provinciais que tamén precisan dunha actuación urxente son a LU-P-0404 (en Montouto, Pereira e Fonchave), a LU-P-0408 (no Freixo e Córneas), a LU-P-0405 (en Lastra e Fonteo), a LU-P-0407 (no núcleo de Fontela) e a LU-P-0403 (no núcleo de Valdería).